A Policía asegura no xuízo que os sete acusados de tráfico de drogas en Narón formaban unha rede

A Fiscalía mantén as penas de prisión para os procesados, que se enfrontan a condenas de máis de 8 anos de internamento

A Policía reiterou ante o tribunal que os sete acusados de tráfico de droga transportada desde Madrid ata Narón formaban unha rede a través da cal administraban e abastecían de cantidades de heroína a compradores de Galicia. Así o apuntaron axentes da Unidade de Drogas e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional en Galicia que este martes declararon na segunda sesión do xuízo que se segue na Audiencia Provincial da Coruña.

Tras as últimas declaracións, as partes xa elevaron a definitivas as súas conclusións, aínda que quedou pendente a lectura dos seus respectivos informes.

Na súa declaración na vista, un dos axentes da Udyco explicou que os acusados formaban parte dunha rede de tráfico de droga e comentou que cada un deles desempeñaba un papel no grupo. "Uns eran administradores, outros transportistas e despois estaban os compradores en Galicia", sostén.

ORGANIZACIÓN. Así mesmo, apuntou ao acusado A.R como o xefe da organización. "Era quen organizaba a venda de droga. Non cabe ningunha dúbida", dixo, en referencia a uns feitos dos que tiveron constancia a través das chamadas telefónicas entre os acusados, o que facilitou o seguimento aos corpos de seguridade.

Precisamente, esas mesmas conversacións telefónicas foron obxecto de debate na primeira sesión da vista, xa que as defensas insistiron en solicitar a súa nulidade ao consideralas ilegais.

O xuízo terminará o 7 de abril coa lectura dos informes. A falta deste paso, a Fiscalía avanzou que mantén as penas de cárcere solicitadas para os sete procesados, que finalmente se enfrontan a condenas de entre 8 e 9 anos e oito meses de cárcere por delitos de tráfico de drogas e contra a seguridade viaria nun polígono de Ferrol.

Comentarios