O PP vigués avisou hai unha semana da "situación perigosa" da pasarela

A pasarela esborrallada no Marisquiño. SALVADOR SAS

A portavoz popular, Elena Muñoz, avisou nun tuit o pasado 7 de agosto de que o lugar non estaba "en condicións" pola presenza de madeiras "rotas" e "puntas ao aire"

A portavoz do PP de Vigo, Elena Muñoz, avisou nun tuit o pasado 7 de agosto de que o lugar no que ía celebrarse o festival de música e deporte O Marisquiño non estaba "en condicións" pola presenza de madeiras "rotas" e "puntas ao aire".

"O Paseo das Avenidas", engadía, referíndose á zona na que se esborrallou a estrutura desde a que se seguía un concerto, "presenta unha situación perigosa".

E, tras remarcalo, escribía: "Esperemos polo ben de todos que non pase nada durante nin despois do evento", á vez que urxía o seu arranxo ao Concello presidido polo alcalde socialista Abel Caballero.

A pasada madrugada, o derrube dunha pasarela neste punto da cidade saldouse con máis de tres centenares de feridos, sete dos cales seguen ingresados, dous deles na Uci, en ningún caso con risco vital.