O PPdeG agradece a Fernández Albor "un século dedicado a Galicia"

Co acto celebrado no parque de Bonaval de Santiago os populares galegos culminaron unha serie de conmemoracións coas que quixeron agradecer a súa traxectoria de servizo á comunidade
 

O PPdeG homenaxeou este venres ao primeiro presidente autonómico de Galicia e unha das "figuras craves" do partido, Gerardo Fernández Albor, que este venres cumpriría 101 anos, logo de vivir "un século dedicado a Galicia".

Co acto celebrado no parque de Bonaval de Santiago, cidade na que vivía antes de falecer o pasado 12 de xullo, os populares galegos culminaron unha serie de conmemoracións coas que quixeron agradecer a súa traxectoria de servizo á Comunidade.

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor a homenaxe realizada, que ademais de honrar a Fernández Albor tamén engrandece as siglas do partido posto que a "grandeza" dunha formación política "non reside nas responsabilidades que poida asumir nun momento e tampouco reside nin sequera no número de xente que consegue que o vote nun momento concreto porque, eses son bens efémeros", senón que está no respecto aos seus equipos humanos e no "coñecemento e o respecto á historia das súas siglas".

"Cando falo de historia estou a falar das súas persoas, as que defenderon ese proxecto, engrandecieron o ideario político e as persoas que nos trouxeron ata onde estamos hoxe" como fixo Fernández Albor co PP, conseguindo ser un "dos xigantes" da formación.

O PP, dixo Núñez Feijóo, pode sentirse orgulloso de contar nas súas filas con Fernández Albor, que agora é un dos xigantes aos que os centos de cargos do partido poden apelar "para ver máis aló" e gobernar de forma acertada en beneficio de todos os cidadáns, tal e como el fixo durante os 1982 e 1987 nos que presidiu Galicia.

Segundo o líder do Executivo autonómico, "na maioría dos galegos, voten a quen voten, hai un pouco de Fernández Albor e subidos aos seus ombreiros, podemos ver un pouco máis lonxe".

Núñez Feijóo rememorou a pegada que deixou o primeiro presidente na comunidade, xa que "hai catro décadas estaba todo por facer e el deixou feitos os cimentos sobre os que se constrúe a totalidade do edificio do autogoberno constitucional e estatutario de Galicia", sostivo o máximo mandatario autonómico que destacou que "o 'sentidiño' de Albor condicionou os primeiros pasos da autonomía".

Grazas a el, "hoxe somos unha comunidade que reivindica sen complexos pero con respecto" o seu autogoberno e que avoga por espazos "de entendemento e de consenso", sabendo que Galicia se defende desde todas as súas cidades e aldeas pero "tamén desde os grandes centros de decisión de España e Europa".

"A partir desa concepción aberta e plural do que é ser galego" e que durante os seus cen anos defendeu Albor, "a voz do noso pobo pódese escoitar en todo o continente europeo e tamén en toda América".

Núñez Feijóo finalizou a súa intervención recordando o día elixido para esta homenaxe, o 7 de setembro, data do seu aniversario que se debe conmemorar porque a pesar de que faleza "o faro da súa vida, obra e pensamento seguirá iluminando o noso rumbo para" sempre e que tamén é unha xornada próxima á do aniversario do actual presidente, que cumprirá 57 anos o vindeiro luns día 10.

Pola súa banda, o neto do homenaxeado e concelleiro de Moraña, Adrián Fernández Albor, recordou a o "avó" como lle chamaban en casa, un home que inculcou a cultura do esforzo nos seus e que tamén pretendía que fose unha característica que identificase a todos os galegos e, por iso, tamén a el.

"O avó esforzouse en traballar ata os cen anos e fíxoo ata o último día" para que os que o rodeasen tamén o intentasen porque "ese é o 'sentidiño'" que el reivindicaba.

"¡Feliz Aniversario, avó! e estáte tranquilo que temos sentidiño para longo", finalizou o neto, visiblemente emocionado.

Doutra banda, o presidente do PP de Santiago, Agustín Hernández, rememorou os logros conseguidos por Fernández Albor que co seu labor político "axudou a engrandecer Santiago, Galicia, España e Europa".

Recordou o importante que a capital galega foi na vida do primeiro presidente autonómico de Galicia, xa que foi onde naceu e é a sede das principais institucións de Galicia, polo que manifestou o seu desexo de que o próximo xullo, cando se cumpra un ano do falecemento, sexa o PP quen goberne na cidade, como a el lle gustaría.

Tamén en relación coa cidade, o presidente de Foro Galicia Milenio, Marcelino Agís, pediu a Agustín Hernández que cando chegue á Alcaldía compostelá rebautice a rúa Rúa Nova de Abaixo -na que naceu Fernández Albor- co nome do primeiro presidente, aínda que na cidade xa existe unha praza con ese nome. 

Comentarios