Prisión provisional sen fianza para os dous líderes de Resistencia Galega

Ambos fuxiran en 2006. O xuíz tamén envía ao cárcere a dous colaboradores

Asunción Losada y Toninho, de Resistencia Galega. EFE
photo_camera Asunción Losada e Toninho, de Resistencia Galega. EFE

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló acordou prisión incondicional polo presunto delito de pertenza a organización terrorista aos membros de Resistencia Galega Antón García Matos, alias Toninho, Asunción Losada Camba e a outras dúas persoas consideradas colaboradores da organización, que foron detidos esta fin de semana no marco da denominada operación Lusista, segundo informaron fontes xurídicas. 

Os catro detidos foron trasladados este martes ata a Audiencia Nacional para porlles a disposición do titular do Xulgado Central de Instrución número 6, quen logo de interrogalos acordou o seu envío a prisión. 

Toninho e Losada foron detidos en Vigo este sábado en virtude das requisitorias dos xulgados de instrución 4 e 6 da Audiencia Nacional polos delitos de pertenza a organización terrorista en grao de dirixente, tenencia e transporte de explosivos e falsidade documental. 

Os axentes da Garda Civil tamén arrestaron ese mesmo día a Miguel García Nogueiras, que acompañaba neses momentos a Toninho e Losada. O domingo foi detido na localidade de Oxén, en Vilamarín (Ourense) o cuarto investigado.

BUSCADOS DESDE HAI ANOS. As operacións policiais realizadas os últimos anos conseguiran desarticular os comandos da organización terrorista e deter a todos os seus membros, ademais de actuar contra o seu armazón organizativo de apoio. Pero Toninho e Losada permanecían fuxidos desde 2006, o que permitía a Resistencia Galega manter os coñecementos técnicos e a experiencia para a confección de artefactos explosivos. 

Os investigadores cren que Antonio García Matos e Asunción Losada Camba son parella e que estaban á fronte da organización. Ambos figuran desde hai anos entre os terroristas máis buscados de España, ata o punto de que sobre eles pesaba un código vermello de Interpol, orde internacional de busca e captura. 

Contra eles pesan acusacións que van desde pertenza a organización terrorista en grao de dirixentes a tenencia, transporte de explosivos ou falsidade documental. A súa procura centrábase en Portugal, pero hai uns meses ampliouse a Venezuela. 

A procura de Toninho, máximo dirixente da banda, remóntase ao seu paso á clandestinidade en 2006. Durante estes anos foron moitas as pistas seguidas para a a súa localización, chegando incluso a situar o seu paradoiro fóra de España, ata a súa localización en Vigo.

A última aparición, en xullo de 2014
A última aparición coñecida de Toninho foi o 18 de xullo de 2014, cando se difundiu un vídeo que gravara na clandestinidade no que avogaba por dar continuidade " loita armada". Desde entón non se volveu a ter noticias del. 

Segundo datos do Instituto Armado, á organización terrorista Resistencia Galega atribúenselle máis de 60 accións violentas, moitas delas realizadas con explosivos de fabricación propia. A última acción terrorista de Resistencia Galega foi a colocación dun artefacto explosivo no Concello de Baralla o pasado 1 de outubro de 2014.

Comentarios