Quen é o responsable do "fallo estrutural" na pasarela?

O Porto, a Zona Franca, o Concello ou a organización, que asegura que cumpría coa normativa, poderían ter responsabilidades sobre o ocorrido no Marisquiño

O Marisquiño, al borde de la tragedia. SALVADOR SAS (2)
photo_camera O Marisquiño, ao bordo da traxedia. SALVADOR SAS (2)

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique César López Veiga, apuntou a un "fallo estrutural" como posible causa do esborralle da pasarela na que se estaba celebrando o festival de deporte e música urbana O Marisquiño. 

"O primeiro que hai que ver é o que está a pasar, pero a impresión apunta a algún tipo de fallo estrutural porque a parte superior ten madeira pero o estraño é o formigón", indicou López Veiga nunha entrevista na Cadena Ser. 

O presidente da Autoridade Portuaria recordou, neste sentido, que "o formigón é moi resistente", polo que "se estivese ben armado con ferro non é fácil que pase". Por todo iso encargou un estudo técnico.

O responsable portuario rexeitou buscar culpables do accidente ata que se realice unha peritaxe da zona. "Hai un acordo entre as tres administracións, pero o mantemento corresponde ao Concello e as obras son Zona Franca e a paga o Porto, pero non me gusta entrar neste tipo de discusións porque parece que nos botamos a culpa uns a outros", indicou. 

Así mesmo, recordou que a organización do festival podería ter tamén algún tipo de responsabilidade, aínda que declinou pronunciarse ante a posibilidade de que puidera producirse algún exceso de aforamento na zona. "A verdade é que se leva facendo moitos anos e nunca pasou nada aí", concluíu. 

COMUNICADO DA ORGANIZACIÓN. Pola súa banda, a organización do festival asegurou que os concertos programados "cumprían as condicións de seguridade" requiridas pola lexislación vixente e púxose "a disposición das autoridades" para o que poidan necesitar. 

Así mesmo, destacou que o recinto no que se produciu o derrube atópase baixo precinto xudicial, á espera dos informes dos peritos para determinar as causas técnicas do derrube da pasarela afectada. 

A organización do festival sostén que cumpría coa normativa de seguridade

"A organización do Festival O Marisquiño lamenta profundamente o accidente da pasada noite e solidarízase con todos os feridos e os seus familiares, que agora mesmo son a prioridade absoluta para todos", sinala o festival. 

Ademais, destacou o "civismo" demostrado polo público que, segundo destacou a organización, "abandonou de forma ordenada o recinto e permitiu o traballo dos equipos de rescate e seguridade, que realizaron un gran labor". 
 

Construída en 1994
A plataforma afectada construíuse no ano 1994, adxudicouna Zona Franca e fíxose á vez que o túnel de Beiramar, do enxeñeiro Marcos Pantaleón, mentres que a outra estrutura, agora esnaquizada, é da autoría de Vázquez Consuegra e recibiu un premio europeo de frontes marítimas.

A investigación do accidente determinará se a causa estivo no seu estado de conservación, mercé ás varias disputas habidas centradas en se a competencia é do Concello ou da Autoridade Portuaria; no elevado número de persoas seguindo o concerto ou, ben, en ambas as cuestións. 

Comentarios