Renfe mellora os tempos de viaxe e duplica as frecuencias a Galicia

Acúrtanse os traxectos a Madrid e haberá un incremento do 30% sobre as prazas actuais

Renfe mellorará os servizos ferroviarios a Galicia grazas á posta en funcionamento do tramo de 98 quilómetros de vía de altas prestacións entre Olmedo (Valladolid) e Zamora. 

O Plan Galicia 2016 de Renfe prevé a redución dos tempos de viaxe no traxecto con Madrid entre 25 e 30 minutos, incrementarase o número de frecuencias dos trens e aumentarán as prazas e as oportunidades de viaxe ao longo do día en ambos os sentidos, segundo informou a compañía nun comunicado.

Os billetes poranse á venda o próximo 19 de xaneiro e os novos servizos comezarán a funcionar o 1 de febreiro. 

Coa posta en funcionamento da nova infraestrutura entre Olmedo e Zamora reducirase a duración do traxecto entre 20 e 30 minutos en función das paradas.

Así mesmo, redúcese tamén a viaxe a Ferrol en 47 minutos grazas ao novo encaminamiento do servizo por Santiago. Ademais, a redución do tempo de viaxe desde A Coruña a Madrid será de 30 minutos, Lugo 26 minutos, Ourense 23 minutos, Pontevedra 24 minutos, Santiago 30 minutos e Vigo 23 minutos.

A compañía ferroviaria apostará tamén por incrementar a oferta de frecuencias de horarios nos servizos diúrnos. Os servizos ferroviarios que conectan Galicia e Madrid pasarán dos 4 actuais por sentido (tres diúrnos e un nocturno) a 7 por sentido (seis diúrnos e un nocturno), multiplicando por dous as posibilidades de viaxe diúrnas entre Madrid e Galicia.

á oferta actual, explica Renfe, vánselle a sumar 315.000 novas prazas, o que supón un incremento do 30% sobre as prazas actuais. A nova configuración do servizo permitirá dobrar as prazas en determinados trens para determinados destinos durante os fins de semana e os períodos punta de demanda.

O Plan Galicia 2016 incorpora unha nova frecuencia desde Galicia con Madrid. Con este novo servizo será posible viaxar no mesmo día a Madrid, con saída de Santiago ás 05:15 horas e chegada a Madrid ás 10:23 horas, e en sentido inverso sairá de Madrid ás 18:50 horas e chegará a Santiago ás 23:59 horas.

Este novo tren arrinca cun prezo de 25 euros por traxecto "para responder as expectativas e ao comportamento da demanda de primeira e última hora", destaca a compañía.

Ademais, Renfe lanza co Plan Galicia 2016 unha campaña promocional ata o 17 de marzo na que se poderán comprar os billetes a prezos fixos de 25 e 30 euros por traxecto dependendo da orixe-destino. Esta promoción será válida para os billetes que se compren ata o 7 de febreiro.

Comentarios