Rivera de la Cruz reivindica a C's como un partido para "quedar" en Galicia e "afastado" de Vox

A lucense, cabeza de lista da formación laranxa pola Coruña, explica que en anteriores eleccións presentouse por Madrid porque o partido non tiña "implantación" na comunidade

Marta Rivera de la Cruz. EP
photo_camera Marta Rivera da Cruz. EP

A cabeza de lista de Ciudadanos ao Congreso pola provincia da Coruña, Marta Rivera, asegurou que a formación laranxa preséntase ás eleccións xerais con candidaturas en Galicia coa vontade de quedar "de cara" tamén ás eleccións municipais de maio e as próximas autonómicas. 

Ademais, en rolda de prensa e a preguntas dos xornalistas sobre Vox –tras o pacto subscrito en Andalucía–, dixo descoñecer se este partido concorrerá, finalmente, con candidaturas "formalizadas". No entanto, afirmou que a formación laranxa é "todo o contrario" á liderada por Santiago Abascal. 

"Vox é todo o contrario ao que é Ciudadanos, igual que o é Podemos". "Son formas de populismo de diferentes signos, pero o obxectivo é o mesmo, dar solucións moi sinxelas a problemas moi complexos que non se solucionan así", engadiu. 

Do PP, manifestou que non lle "interesa" que a formación laranxa "creza en Galicia porque se convenceron de que isto é seu". "Se cadra o que non queren é que se evidencie o pouco que traballan eles por Galicia", apostilou.

PARTIDO "IMPLANTADO" EN GALICIA. En canto á súa candidatura, explicou que se presenta "comprometida" coa provincia da Coruña. A preguntas dos xornalistas, tamén expuxo que se nas anteriores eleccións presentouse por Madrid foi porque o partido non tiña "implantación" en Galicia, sinalou Marta Rivera, natural de Lugo, onde, segundo explicou, segue empadroada. 

"Agora o partido está ben implantado en Galicia", remarcou. "Estamos ben colocados na grella de saída", argumentou tamén para incidir en que "ninguén como Ciudadanos" saberá afrontar "o desafío populista e independentista". 

En canto ás súas propostas para Galicia, dixo que "moitas das medidas" que inclúen no seu programa electoral están "adaptadas" á realidade destacomunidade. Entre elas, citou as vinculadas cos autónomos e as pemes ou as relacionados co rural, para frear o seu abandono. 

No tema lingüístico, defendeu "garantir" na escola a aprendizaxe do castelán e do galego, pero rexeitou que este idioma ou as demais linguas cooficiais en España sexan "unha barreira" para opositar na Función Pública.

Comentarios