Rueda pide responsabilidade aos sindicatos para garantir que a Xustiza funcione

O conselleiro manifestou a súa "esperanza" de que "finalmente" non se produza a folga indefinida

Alfonso Rueda. AEP
photo_camera Alfonso Rueda. AEP

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, apelou este venres á responsabilidade dos traballadores e sindicatos con motivo das negociacións para pactar os servizos mínimos para que o servizo da Xustiza "quede garantido" no caso de que non se desconvoque a folga indefinida prevista a partir do próximo mércores 7 de febreiro en Galicia.

A preguntas formuladas polos xornalistas, o conselleiro manifestou a súa "esperanza" de que "finalmente" non se produza a folga indefinida e que os servizos mínimos non teñan que "entrar en vigor" a pesar dos últimos peches protagonizados polos traballadores ante a falta de acordo.

Así o indicou antes de participar no I Congreso de Novos Empresarios de Ourense, que acolle a localidade ourensá de Allariz, onde estivo acompañado do conselleiro de Economía, Emprego e Industria Francisco Conde e da delegada da Xunta, Marisol Díaz Mouteira.

Rueda apelou á "responsabilidade" dos representantes sindicais e tamén dos traballadores "á hora de cumprir" cos servizos mínimos pactados e desexou que igual que foron responsables nas xornadas de folga tamén o sexan "cos servizos mínimos".

Ademais, apuntou que a "obrigación" da Xunta é "garantir que, haxa ou non haxa folga a Xustiza funcione", tras advertir de que "en ningún caso" se pode paralizar a actividade xudicial diaria.

Por outra banda, preguntado sobre os días de asuntos propios ou vacacións, subliñou que "se analizará caso por caso" para garantir o correcto funcionamento do servizo e, "se fose necesario", denegaranse peticións, "sempre respectando o dereito a folga" dos traballadores.

Comentarios