Sada esixe xa a emenda sobre o Pazo de Meirás para acabar coa "vergoña"

"Estamos ante unha oportunidade histórica para acabar coa vergoña democrática que supón que os herdeiros do ditador continúen retendo o Pazo", declarou o rexedor Benito Portela

Foto de archivo do Pazo de Meirás. AEP
photo_camera Pazo de Meirás. AEP

O Concello de Sada reclamou que ao amparo do artigo 151 do Regulamento do Congreso, o Real Decreto Lei aprobado este venres se tramite como proxecto de lei para poder presentar a emenda sobre o Pazo de Meirás e acabar coa "vergoña".

Benito Portela, alcalde de Sada, subliñou nun comunicado que espera que dita emenda sexa aprobada por unanimidade das forzas políticas do Congreso dos Deputados.

A mesma unanimidade que se conseguiu no Parlamento Galego o pasado xullo para demandar do Estado o exercicio de accións legais co obxecto da incorporación do Pazo ao patrimonio público, manifestou.

O rexedor municipal recorda que "estamos ante unha oportunidade histórica para acabar coa vergoña democrática que supón que os herdeiros do ditador continúen retendo o Pazo de Meirás", e espera que os grupos parlamentarios e o Congreso dos Deputados "sexan sensibles ás demandas da cidadanía galega".

No entanto, Benito Portela recorda que con independencia da modificación da Lei da Memoria Histórica, "o goberno presidido por Pedro Sánchez debe acordar e ordenar xa á Avogacía do Estado o exercicio das accións xudiciais oportunas para recuperar o Pazo para a titularidade e usos públicos".

Comentarios