jueves. 05.08.2021 |
El tiempo
jueves. 05.08.2021
El tiempo

As salas de apostas terán control de acceso para vetar os menores

10,00h.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistirá á Comisión do Xogo. Na dirección xeral de Emerxencias e Interior (rúa Roma, 25-27).
foto xoán crespo
03/06/2019
Santiago Villanueva presidiu a reunión con representantes da comisión galega do xogo. EP

O borrador da nova lei galega do xogo, entregado xa ao sector e aberto a reclamacións, sentencia que o responsable das infraccións será o hostaleiro e o titular do establecemento

Identificación obrigatoria no acceso nas salas de apostas e unha distancia de polo menos 150 metros entre estes establecementos e os centros educativos. Estes son uns dos eixos do borrador para a actualización da lei galega do xogo que o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presentou este luns á comisión do sector. Un novo paso para adaptar a regulación "ao século XXI" e á nova realidade social que, segundo a Xunta, podería aprobarse xa este ano. 

Villanueva trasladou así á comisión —na que están representados casinos, bingos e salas de xogos, aínda que se prevé agregar a ela a Federación Galega de Municipios e Provincias, e as asociacións de ludópatas e de consumidores e usuarios— un documento que busca actualizar unha normativa que data de 1985 e que estará a disposición da sociedade para consulta e presentación de alegacións durante un mes. Na reunión, tamén se abordou o decreto aprobado en Consello da Xunta e que establece a suspensión da tramitación de novas licenzas para evitar as especulacións antes da entrada en vigor da nova lei. Serán así 97 salóns de xogo funcionando e 21 co expediente pendente, así como 41 tendas de apostas operativas

"Responsabilidade" é unha das palabras clave dun borrador centrado especialmente na "protección de menores", dixo Villanueva. De aí o fincapé en que, para asegurarse de que ningunha persoa con menos de 18 anos poida entrar nunha sala de apostas, ditaminarase a obrigatoriedade de realizar controis de entrada e identificación de usuarios; unha esixencia que, ata agora, só se impuña a bingos, casinos e tendas de apostas. O sector "está de acordo", asegurou o director de Interior, que recalcou que a nova lei sinalará "claramente" quen é o responsable das infraccións: hostaleiros e titulares do establecemento. 

Ademais, establécese un radio de 150 metros de distancia entre un local e os centros educativos —en lugar de calculalo mediante o camiño a percorrer polo trazado urbano—, e de 300 metros entre un establecemento de xogo e outro, sexan do tipo que sexan. 

Por outra banda, a publicidade do sector quedará restrinxida á prensa escrita, e con limitacións

FALTA DE PREVENCIÓN. No entanto, as primeiras reaccións tamén mostraron críticas por posibles carencias en materia de prevención ou a súa ambigüidade en aspectos como a presenza de máquinas en bares e pubs. "A lei quédaseme curta", admitiu o doutor en Psicoloxía Social da Universidade de Santiago (USC) Antonio Rial, autor dun estudo que revela que o 23,5% dos mozos galegos de entre 12 e 17 anos apostou diñeiro no xogo, o 11% deles no último mes. Un dato que se traduce en que hai ao redor de 12.000 "rapaces" con risco de desenvolver condutas de xogo problemático e incluso patolóxico, advertiu na Radio Galega. 

A pesar de que o control de accesos pode dar resposta ao feito de que o 70% dos menores recorre a máquinas de apostas deportivas e en oito de cada dez casos non se lles pide o DNI, Rial censurou que a prevención non conte cun capítulo específico no documento, que non se contemple un investimento forte na educación —ao estilo da lei autonómica contra o alcol— ou que se prohiba a publicidade en horario infantil "cando o problema é o horario xeneralista". Así, avogou por acompañar o cambio normativo dun labor de información e concienciación á cidadanía, e pola creación dun observatorio galego.

As salas de apostas terán control de acceso para vetar os menores
comentarios