Sánchez Izquierdo defende os cambios na Radio Galega entre as críticas da oposición

O director xeral da CRTVG rexeitou que as modificacións supoñan a desaparición do programa Diario Cultural ou que supriman as desconexións locais dos informativos

Sánchez Izquierdo. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Sánchez Izquierdo. LAVANDEIRA JR. (EFE)

O director xeral da CRTVG, Afonso Sánchez Izquierdo, defendeu este xoves os cambios na programación de Radio Galega para a nova tempada, que foron fortemente criticados polos grupos da oposición (En Marea, PSdeG e BNG).

Nunha comparecencia no Parlamento, Sánchez Izquierdo alegou que eses cambios na programación débense a un estudo elaborado durante seis meses por consultores "externos e internos".

Rexeitou, como coincidiron en criticar os grupos da oposición, que os cambios supoñan a desaparición do programa Diario Cultural ou que supriman as desconexións locais de informativos e indicou que en ambos os casos o que hai é "un cambio de estrutura, de formato" no que tanto a información cultural como local gañarán tempo de emisión co fin de chegar a máis oíntes, dixo.

Sánchez Izquierdo dixo que o programa Diario Cultural pasará "de 50 a 100 minutos" en dúas franxas de 30 minutos e outras dúas de 15 minutos, incluído o fin de semana, e asegurou que na súa longa vida tivo numerosos cambios sen que pasase nada e este será "un máis".

Incidiu, así mesmo, en que tamén aumentará o tempo da información local e sinalou que a referencia horaria non é tan relevante, xa que non hai moito tempo cambio das 14.10 horas ás 13.45 actuais e non pasou nada, segundo a súa versión.

Integrantes do comité intercentros da CRTVG manifestáronse no exterior do Parlamento en contra "do desmantelamento" como servizo público da tele e a radio públicas

Tamén pediu aos grupos da oposición que non usen aos traballadores e alertou contra as "noticias falsas" e as medias verdades: "A mellor forma de defender a traballadores da CRTVG é non propagar noticias falsas, por exemplo dar instrucións para cubrir só 40 segundos da trama Gürtel", asegurou. 

Ningunha destas explicacións serviu aos grupos da oposición, que insistiron nas súas opinións en contra dos cambios de formato destes espazos que suporán a súa supresión

A deputada de En Marea Ánxeles Cuña fíxose eco dun "clamor" na sociedade para que non desaparezan tanto o programa Diario Cultural como as desconexións dos informativos locais. Asegurou que a decisión da CRTVG revólvelle as tripas" e é unha "traizón", porque supón "desprezo pola cultura, ignorancia... Incomprensión, continuou. 

Tamén aludiu ao manifesto Non nos imos a quedar caladas en contra da nova programación e destacou que "a cultura non é unha axenda de actos", polo que pediu a Sánchez Esquerdo unha "rectificación". 

Luis Álvarez (PSdeG) defendeu que a cultura non se fragmenta e asegurou que dicir que se vai a repartir o programa cultural de referencia en máis tramos supón que se fai cachizas a cultura". Tamén incidiu na decisión de "suprimir" as desconexións locais; "simplemente pedimos que se deixen as cousas como están", resolveu. 

A deputada do BNG Olalla Rodil cuestionou os cambios expostos e mostrou as súas dúbidas de que encaixen co obxectivo de servizo "público" da CRTVG. Ademais, preguntouse se a decisión de actuar sobre as desconexións locais "a un ano das municipais" débese a que o PP unicamente goberna nunha cidade das sete principais. 

Quen si defendeu os cambios foi a deputada do PPdeG María Antón, que asegurou que todos os medios de comunicación fan modificacións, que cualificou "necesarias" e supoñen "adaptacións para non quedar fose do mercado, da realidade.

"Cambios hai todos os días en todos os medios de comunicación e a CRTVG non é allea", asegurou Antón, que tachou de ruído "" da oposición falar de "desaparición do Diario Cultural e das desconexións locais.

Mentres se producía o debate integrantes do comité intercentros da CRTVG manifestáronse no exterior do Parlamento en contra "do desmantelamento" como servizo público da tele e a radio públicas galegas.

Comentarios