Sanidade aproba este xoves unhas oposicións con 1.461 prazas

A convocatoria das oposicións quedaría pendente da aprobación da taxa de reposición do 100% por parte do Goberno central

Alberto Núñez Feijóo, en el Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)

A Xunta de Galicia aprobará na súa reunión do Consello deste xoves unha nova convocatoria pública de emprego (Ope) no ámbito da sanidade dotada con 1.461 prazas. Anunciouno o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a sesión de control no Parlamento, na que defendeu a política sanitaria do seu Executivo fronte aos ataques do portavoz socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, que reclamou máis medios para o sistema sanitario galego.

Este anuncio foi o máis destacado dunha sesión de control marcada polo debate ao redor da violencia de xénero. Iso si, a convocatoria das oposicións quedaría pendente da aprobación da taxa de reposición do 100% por parte do Goberno central para o próximo ano, xa que ao non haber visos de orzamentos por parte do Goberno socialista habería que ratificar esta cobertura para que a Ope galega sexa viable coas cifras anunciadas.

"Temos pactadas as ofertas públicas de emprego", proclamou o presidente da Xunta, que na súa intervención presumiu de que a sanidade galega conta coa "mellor porcentaxe" de estabilidade de todas as comunidades autónomas. "Nunca antes investiuse tanto en Sanidade, nin se contou cun persoal tan amplo", defendeu fronte ás críticas do PSdeG.

Leiceaga, pola súa banda, alertou da "precariedade" no Servizo Galego de Saúde, e afeou a actitude dos populares en relación á comisión de investigación sobre "recortes" sanitarios activada na Cámara autonómica, co foco posto en casos como a morte dun paciente nunha PAC da Estrada o pasado verán ou a atención a enfermos de Hepatite C. Unha comisión que se reúne este mércores despois de que a oposición a abandonase ao entender que o PPdeG, partido maioritario, vetara a comparecentes importantes para o transcurso da mesma. 

Comentarios