Santamaría di en Lugo que é o momento de que o PP "amplíe a súa base social"

"Temos que renovarnos, pór a xente máis nova, ampliar a nosa base e modernizarnos", precisou a exvicepresidenta

Soraya Sáenz de Santamaría, en Lugo, con Miguel Tellado, Enrique Rozas, Elena Candia y Antonio Ameijide. ELISEO TRIGO (EFE)
photo_camera Soraya Sáenz de Santamaría, en Lugo, con Miguel Tellado, Enrique Rozas, Elena Candia e Antonio Ameijide. ELISEO TRIGO (EFE)

A exvicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, dixo este mércores pola tarde en Lugo que chegou o momento de que o PP "se abra e amplíe a súa base social", aínda que matizou que non se debe parecer a nada que non sexa o Partido Popular". "Temos que renovarnos, pór a xente máis nova, ampliar a nosa base e modernizarnos", precisou, porque o PP puido verse como "un partido no que a base central, a base de Xénova, marcaba moitas cousas".

Nese sentido, precisou que a súa intención é que o PP se pareza tamén "á España das Autonomías e ao que é Galicia", para que "cada vez máis" os "compañeiros nas autonomías, nas deputacións provinciais e nos concellos" poidan "traballar moito máis” na formación da “voz e a posición do Partido Popular".

Soraya Sáenz de Santamaría dixo que "hai candidatos que propuxeron posicións situadas nun discurso un pouquiño máis tradicional do Partido Popular, aínda que despois diríxeno á xente máis nova", o que ao seu xuízo non deixa de ser "unha certa contradición".

O Partido Popular "gañará" se é capaz de ampliar "esa base social" que nun momento dado "puido votar a Ciudadanos" porque "non atopaba en nós o que quería atopar en nós", engadiu. "O Partido Popular o que ten que facer é ampliar a súa base. Iso que quere dicir, que dentro do noso Partido Popular hai moita xente dentro dun espectro moi amplo. Xente que se define como máis conservadora, xente dun espectro máis liberal, uns máis de centro, outros máis de dereita", dixo a exvicepresidenta do Goberno.

Na mesma liña, insistiu en que o Partido Popular "pode englobar a esa inmensa maioría de españois que se poden identificar cunhas políticas que defenden a liberdade, que defenden a igualdade de oportunidades, o mérito, o esforzo; que defenden a moderación".

Por outra banda, Sáenz de Santamaría non se pechou a unha posible integración de candidaturas antes do congreso. "Eu son moi partidaria da integración e da xenerosidade. Comigo, desde logo, o resto dos meus compañeiros e todos os seus equipos, antes, durante e despois, teñen as portas abertas ao diálogo e ao entendemento. Todo isto en positivo", precisou.

Preguntada por se esa oferta era tamén extensiva a María Dolores de Cospedal, contestou: “Por suposto, a primeira”. Sáenz de Santamaría fixo estas declaracións antes de participar nun acto de campaña con militantes de Lugo na sede provincial do PP.

Comentarios