Santiago homenaxea ao pintor Carlos Maside cunha placa conmemorativa

Nos anos 80, Isaac Díaz Pardo tratou de colocar unha co mesmo fin, pero finalmente decidiu retirala pola falta de datos escritos nela

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto co alcalde da cidade compostelá, Agustín Hernández, descubriron este luns na céntrica Rúa do Vilar unha placa conmemorativa en recoñecemento ao pintor Carlos Maside. Ao acto achegouse o sobriño do artista, Xulio Maside, o cal se mostrou emocionado coa homenaxe ofrecida ao seu tío por parte da cidade de Santiago.

O homenaxeado, ademais de destacar pola súa obra artística, foi recoñecido na súa época por ser considerado un personaxe de referencia cultural, ao que moitos se achegaban para escoitar as súas historias e reflexións.

En 1958, o pintor faleceu e isto provocou que desde entón moitos dos seus admiradores e amigos realizasen unha homenaxe á súa figura, destacando notablemente entre os recoñecementos un poema que realiza na súa honra Xosé Manuel Fandiño.

Agustín Hernández e Xulio Maside foron os encargados este luns de descubrir a placa na que se remarca unha cita do artista: "Compostela é unha cuestión de espazo". Anxo Lorenzo reivindicou que, a través desta placa, recórdase a unha persoa que influíu notablemente na renovación artística, "facendo canteira do galeguismo democrático para ter unha sociedade como a que temos agora". O alcalde santiagués promulgou o seu discurso facendo fincapé en que este personaxe foi "un adiantado artísticamente ao seu tempo", coa ampliación dos seus coñecementos en París, lugar no que se especializou no impresionismo.

Como dato relevante, deuse a coñecer que este é o segundo intento de colocación dunha placa que homenaxe ao autor pois, nos anos oitenta, o intelectual Isaac Díaz Pardo tratou de colocar unha co mesmo fin, pero a falta de datos na placa provocou que fose retirada por el mesmo.

Comentarios