O sector vitivinícola galego logra a segunda colleita máis abundante da súa historia

A D.O. Rías Baixas copa máis da metade da uva recollida en Galicia

Vendimia en un viñedo. VALENTIN FLAURAUD (EFE)
photo_camera Vendima nun viñedo. VALENTIN FLAURAUD (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mércores, tras coñecer o informe sobre o balance da vendima deste ano en Galicia, que as cinco denominacións de orixe recolleron máis de 64 millóns de quilos de uva de moi boa calidade en xeral, dos que o 83,5% corresponde a variedades brancas (máis de 53 millóns de quilos) e o 16,5% a variedades tintas (máis de 10 millóns de quilos).

Estas cifras sitúan a vendima de 2018 como a segunda máis abundante da historia, só por detrás da vendima de 2011, e colócase un 9,7 % por encima da media do decenio 2009-2018.

Por denominacións de orixe, Feijóo explicou que Rías Baixas foi a que máis uva recolleu (o 60%), seguida polo Ribeiro (14%), Ribeira Sacra (case o 10%), Valdeorras (7 %) e Monterrei (case o 9%).

Tras indicar que a produción de uva foi superior nun 4,3% con respecto ao ano anterior, pasándose de 61 millóns de quilos a 64 millóns, o presidente da Xunta precisou que Rías Baixas segue liderando, desde fai algo máis dunha década, o baremo de produción. 

O 83,5% das uvas recolleitas pertencen a variedades brancas

No que respecta ás variedades, aquelas de cultivo tradicional, potencialmente produtoras de viño de calidade, seguen ocupando un peso fundamental no conxunto da vendima: a albariña representa un 71% da uva branca total; a treixadura e o godello supoñen, respectivamente, máis dun 10% da uva branca total, e a mencía comprende case o 80% da uva tinta total.

Tras a D.O. Rías Baixas atópase a do Ribeiro, a segunda en canto a volume cultivado (case 9 millóns de quilos de uva), e a terceira denominación que máis uva recolleu é a de Ribeira Sacra, con máis de 6 millóns de quilos de uva, unha cantidade que supón case un 12% máis que o ano pasado e un 9,5% por encima da media do período 2009-2018.

A D.O. Valdeorras tamén aumentou a súa produción este ano, ao recoller máis de 4 millóns de quilos de uva, e a de Monterrei, que recolleu máis de 5 millóns de quilos de uva, experimentou o maior incremento -case un 94 % con respecto ao ano anterior- e, de feito, esta colleita representa un 173 % da media das colleitas dos últimos dez anos.

En total, na vendima deste ano participaron un total de 447 adegas e máis de 10.300 viticultores

Feijóo concluíu recordando que as cinco denominacións de orixe comercializaron na última campaña máis dun 7% de viño cualificado que na anterior, e que na campaña 2016-2017 comercializaron no mercado exterior case 78.000 hectolitros, un 18,2% da produción total comercializada, o que supón un valor económico de case 40 millóns de euros.

Comentarios