Segundo día consecutivo sen mortes por coronavirus en Galicia

É a cuarta xornada sen falecidos na comunidade desde que comezou a crise sanitaria do covid-19
Sanitarios a las puertas de un hospital. EFE
photo_camera Sanitarios ás portas dun hospital. EFE

Galicia acumula dous días consecutivos sen rexistrar unha soa morte atribuída á pandemia do coronavirus. Por cuarta vez desde o estalido da crise sanitaria, os hospitais da comunidade non informaron este martes de ningunha vítima mortal con covid-19, e tampouco transcendeu ningún deceso rexistrado en residencias de maiores, que suman xa 12 días seguidos sen falecidos co virus. 

A primeira vítima mortal deste virus rexistrouse o 14 de marzo, unha muller de 92 anos que se atopaba ingresada no Hospital Povisa de Vigo. Nesa mesma xornada producíase tamén a morte dun home de 81 anos ingresado en Pontevedra e que deu positivo na proba de covid-19. Neses días, os primeiros da alerta sanitaria en Galicia, nos que a comunidade contaba con menos de 300 casos activos, houbo dúas xornadas nas que non se rexistrou ningunha morte hospitalaria, o 15 de marzo e o 17 de marzo. 

A partir do 18, cando as vítimas mortais en Galicia ascendían xa a catro persoas, os hospitais da comunidade comunicaron falecementos todos os días, excepto en catro ocasións. A primeira o pasado 29 de abril, a segunda o 14 de maio, a terceira este luns e a última este martes. 

607 FALECIDOS. As mortes en Galicia con coronavirus sitúanse en 607. O último caso foi o dun home de 88 anos ingresado no Hospital La Rosaleda, en Santiago de Compostela, que tiña patoloxías previas e pereceu o domingo. 

O número de mortes rexistradas en atención hospitalaria son 475: 126 na área sanitaria da Coruña, 101 na área de Ourense, 91 na área de Vigo, 85 na área de Santiago, 30 na área de Ferrol, 26 na de Lugo (dúas deles en atención domiciliaria), e 16 en hospitais da área de Pontevedra. 

A estas defuncións hai que sumar as 132 producidas dentro das residencias de maiores. En todo caso, hai que ter en conta que, dos falecidos en atención hospitalaria, hai 138 persoas que estaban vinculadas con centros residenciais (e que morreron en hospitais ou en residencias integradas). A ese respecto, os falecidos relacionados con residencias son 270, o que supón en torno ao 45% do total de vítimas mortais do coronavirus en Galicia.

Comentarios