A sentenza do Alvia non se coñecerá ata primavera de 2024

Tras dez meses e 700 testemuñas e peritos, o xuízo quedou visto para sentenza
Francisco José Garzón Amo. XOAN REY
photo_camera Francisco José Garzón Amo. XOAN REY

Non haberá sentenza do caso Alvia ata primavera de 2024. A si o comunicaron este xoves fontes xudiciais, que fundamentan esta afirmación na inxente cantidade de folios (44.460) dun xuízo, o maior da historia de Galicia, que se alargou durante dez meses nos que desfilaron pola Cidade da Cultura case 700 testemuñas e peritos.

Todo iso fai que emitir un fallo sobre o caso, coas correspondentes motivacións e analizando un por un os factores expostos na vista oral, sexa unha ardua tarefa á que a maxistrada María Elena Fernández Currás terá que dedicar case o mesmo tempo que o transcorrido dun xuízo que puxo este xoves o broche.

O avogado de Cortabitarte: "Parece que hai que condenalo polo civil ou o criminal"

Nesta última sesión, Ignacio Sánchez, o avogado do exjefe da seguridade de Adif, recorreu ao mundo do fútbol para defender a conduta do seu cliente: "Como dixo o mestre Luís Aragonés, aquí parece que hai que condenar Cortabitarte polo civil ou polo criminal". Parafraseando ao falecido adestrador e seleccionador español de fútbol, e nunha extensa alocución que se estendeu máis dunha hora, presentou a Andrés Cortabitarte como " vilán nesta hipérbole que algúns montaron en busca dun culpable que non sexa o maquinista".  

"Ninguén sabe de que se acusa exactamente a Cortabitarte. Parece que era unha especie de Cid Campeador do sistema, un garante de todo o sistema ferroviario español. En cambio ao maquinista si sabemos de que se lle acusa", explicou o togado, en alusión distracción do maquinista, o monfortino Francisco José Garzón Amo, que tomou a curva de A Grandeira ao dobre da velocidade permitida neste punto, onde descarrilou o Alvia hai unha década, o 24 de xullo de 2013, ás portas de Santiago e do Día de Galicia.

Ademais, cargou contra Renfe por non informar do "suposto risco da curva". "En 2011 houbo un correo do xefe de maquinistas de Renfe, pero nunca chegou a Adif". "Eses temas hai que levalos a comisións, non falalos na barra do bar", afeou o letrado, en alusión a varios testemuños de ferroviarios que aseguraron coñecer o risco da curva de Angrois porque se comentaba na cantina".

Para rematar, indicou que "hai persoas que foron continuamente mencionadas na instrución e no xuízo e que non están aquí, como as persoas do ministerio que dan por boas as decisións de seguridade".