Unha sentenza dá a razón a miles de clientes contra Abanca polas cláusulas chan

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada ordena na sentenza á entidade bancaria que restitúa aos prexudicados as cantidades indebidamente abonadas en aplicación das cláusulas declaradas nulas

Sucursal de Abanca. PEPE FERRÍN (AEP)
photo_camera Sucursal de Abanca. PEPE FERRÍN (AEP)

O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña deu a razón aos clientes na demanda colectiva presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) contra Abanca na que reclamaba a devolución do diñeiro cobrado de máis aos clientes con préstamos hipotecarios con cláusulas chan subscritos con anterioridade a maio de 2013. 

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada ordena na sentenza á entidade bancaria que restitúa aos prexudicados as cantidades indebidamente abonadas en aplicación das cláusulas declaradas nulas en virtude da sentenza do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013. 

En declaracións a Europa Press, o secretario xeral de Acouga, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, afirma que esta é "a decisión xudicial en dereito privado máis importante da historia de Galicia en canto a cantidade non só de adheridos, senón de potenciais afectados por ela", xa que estima que serán miles, cun impacto global de millóns de euros. 

Contra este fallo, que non é firme, emitido con data do 14 de novembro, cabe presentar recurso de apelación nun prazo de 20 días. 

Comentarios