O Sergas responde á denuncia dun falecemento no PAC da Estrada por falta de atención médica

O Servizo Galego de Saúde asegura que o sesaxenario sufría unha "enfermidade crónica avanzada" 

Ambulancia do 061. ARQUIVO
photo_camera Ambulancia do 061. TOÑO PARGA (ARQUIVO)

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) afirmou que o home de 65 anos, J.M.B.B, falecido na tarde do sábado no PAC da Estrada sen atención médica sufría unha "enfermidade crónica avanzada". 

Así o explicou nun comunicado no que sinala que, no momento do suceso, o persoal sanitario regresaba de realizar unha atención "urxente e grave" nun domicilio, cuxo paciente tivo que ser posteriormente trasladado ao hospital. 

E é que, segundo publica un xornal coruñés, fontes presenciais relataron a falta de persoal médico neste centro desde as 17.00 ata preto das 19.30 horas por saír a atender unha urxencia o equipo de garda. 

Respecto diso, o Sergas precisou que o persoal de servizos xerais que se atopaba no centro contactou co 061, que lle comunicou que a médica e a enfermeira do PAC chegarían nuns minutos. 

"O paciente sofre un desmaio e é atendido por persoal de enfermería da área sanitaria que se atopaba na sala de espera como paciente", apunta a Consellería de Sanidade, que indica que "aos 10 minutos chegan os profesionais sanitarios do PAC". 

Unha vez no punto, conforme sinalou Sanidade, o equipo médico continúa coas manobras de reanimación pero non consegue salvar a vida do home. 

A Xerencia do Área Sanitaria de Santiago trasladou as súas condolencias aos familiares do falecido. 

Fontes da Consellería de Sanidade sinalan que en ocasións o persoal sanitario do PAC son requiridos para asistencias domiciliarias ou para traslados de pacientes

Fontes da Consellería de Sanidade consultadas por Efe sinalan que en ocasións o persoal sanitario do PAC, que traballan en horario continuado de 15.00 a 8.00 horas, son requiridos para asistencias domiciliarias ou para traslados de pacientes.

Neses casos é o 061 o que se encarga de dar cobertura aos casos urxentes que se poidan presentar no PAC.

As fontes consultadas indican que o sábado se tentou, sen éxito, contar con dous médicos para o punto de atención continuada da Estrada, como si houbo xa na quenda do domingo. Sosteñen desde o Sergas que o problema para cubrir baixas imprevistas dos facultativos durante o verán é xeneralizado e que durante o resto do ano non hai problemas neste sentido.

DENUNCIAS. O persoal do PAC de Galicia veñen denunciando nas últimas semanas a falta de cobertura das baixas imprevistas e as limitacións do goce das vacacións ou de licenzas durante o período estival.

A mediados de xullo, unha trintena de traballadores do PAC da área de Vigo denunciaban que se un médico está indisposto ou non pode ir traballar, ninguén cobre a súa baixa, citando casos concretos en Moaña, Redondela, A Guarda e O Porriño.