Os sindicatos de Xustiza acusan a Rueda de mentir e este non ve "moito sentido" a outra reunión

O presidente do comité de folga apunta a que rebaixaron as súas peticións, mentres que o vicepresidente da Xunta alega que as demandas salariais son cada vez maiores

Alfonso Rueda. AEP
photo_camera Alfonso Rueda. AEP

Manuel Díaz, portavoz do comité de folga formado por sete sindicatos dos funcionarios de xustiza e membro de UXT-Galicia, acusou este luns ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "mentir" cando asegura que os sindicatos boicotean calquera posibilidade de acordo para resolver este conflito ao pedir aumentos salariais cada vez maiores.

Neste sentido, Díaz sinalou, en declaracións a Efe, que "os números non enganan" e que "é fácil constatar" que o vicepresidente autonómico "non está a dicir a verdade", xa que na pasada reunión os representantes sindicais decidiron rebaixar as súas pretensións salariais de 225 euros a 190 euros máis ao mes no complemento autonómico transitorio.

Asegura que os sindicatos rebaixaron a petición de subida de 225 euros mensuais a 190

Así pois, o membro do comité de folga quixo aclarar tamén que a reivindicación sindical continúa sendo a mesma: que Galicia siga como a quinta autonomía en termos de retribucións, por detrás de Cantabria e por diante de Asturias, que ultimamente aprobou unha subida salarial de 160 euros ao mes, o que a deixa 140 euros porriba de Galicia.

A este respecto, Díaz manifestou que a cantidade a acordar entre Xunta e sindicatos non debe ser inferior á asinada pola comunidade veciña para resolver un problema que inclúe —a recordado— outras cuestións de índole laboral xa encarriladas, relacionadas con baixas por enfermidade ou amortizacións de prazas.

Así mesmo, o representante sindical considerou "moi negativa" a postura de Alfonso Rueda, cuxa "prepotencia" non fixo máis que "botarlle máis gasolina ao lume" e enfangar un conflito xa de seu complicado.

"Parece que lle interesa" proseguir neste estado de confrontación, declarou Díaz, que renovou o cualificativo de "chantaxe" para a decisión do vicepresidente autonómico de non sentar persoalmente a negociar mentres non se suspenda a folga indefinida vixente desde o pasado 7 de febreiro.

Finalmente, o portavoz do comité de folga descartou que a prolongación de conflito faga madeixa na vontade dos traballadores, xa que nas asembleas deste luns quedou reafirmada a decisión de non "baixar dos 190 euros ao mes" de incremento e de manter a folga mentres non haxa acordo.

Os sindicatos dos traballadores da administración de Xustiza están á espera dunha chamada por parte da Xunta de Galicia para retomar as negociacións interrompidas o pasado venres tras unha reunión de máis de nove horas na que non se alcanzou acordo algún en temas de índole salarial.

Nesa reunión, que se produciu máis de dúas semanas despois do anterior encontro (20 de febreiro), a Xunta subiu a súa oferta ata os 105 euros, unha cantidade que os sindicatos consideraron "moi lonxe" das súas pretensións.

Rueda non lle ve "moito sentido" a unha nova reunión

Pola súa banda, Rueda da tamén fixo declaracións aos medios en relación á folga de Xustiza, nas que lanzou unha mensaxe discordante coas lanzadas polos sindicatos, xa que, ao seu entender, "non tería moito sentido seguir facendo reunións para nunca ter un acordo" cos sindicatos, que "cada vez están a pedir máis".

Rueda pronunciouse así á súa saída dunha reunión en Madrid con representantes do Ministerio do Interior acerca da ameaza do terrorismo xihadista.

Nesta liña, lamentou que cada vez que se achega o acordo entre as partes negociantes polo conflito da xustiza "aparece unha nova reivindicación salarial máis alta" que fai "moi difícil" resolver o problema.

Así pois, subliñou que a última proposta formulada pola Xunta, que inclúe unha subida do complemento autonómico transitorio (CAT) de 105 euros ao mes, unha parte xa este ano, está no marco do "que se estaba pedindo" e dixo non entender o rexeitamento dos sindicatos a un incremento que -de acordo ás súas demandas- situaría a Galicia por encima da media do conxunto de Comunidades autónomas.

Do mesmo xeito, Rueda destacou que no resto de reivindicacións dos traballadores de xustiza existe xa consenso e reiterou que a proposta salarial, sumada ao aumento de retribucións aos empregados públicos que prevé aplicar o Goberno central, elevaría os salarios do persoal ao redor dun 13 por cento nos próximos anos.

"Pasos xa demos dabondo", sentenciou.

Comentarios