Soben a 608 os centros educativos afectados polo covid, con 1.256 contaxios

Un bote de gel hidroalcohólico en un aula. EFE
photo_camera Un bote de xel hidroalcohólico nunha aula. EFE

A cifra de escolas infantís e centros de educación non universitaria de Galicia afectados pola pandemia do coronavirus non para de crecer e son xa 608 os que se reparten os 1.256 contaxios activos que figuran no último parte do Servizo Galego de Saúde.

Son 19 centros e 46 casos máis en comparación cos datos do mércores, e tamén empeoraron as estatísticas en canto ás aulas en corentena, 54 en total, doce máis.

A área sanitaria de Vigo segue á cabeza na incidencia do coronavirus no ámbito educativo, ao contabilizar 360 positivos, repartidos entre 166 centros, oito máis que onte, e 20 aulas pechadas, nove máis.

Entre todos os casos destaca o do CPR Santiago Apóstolo, con 19 contagios activos e nove aulas pechadas; Lucus Augusti (Lugo) acumula once casos; San Salvador (Vigo), dez; e Lareira (Mos) e Maximino Romeu de Lema (Zas), nove cada un.

A Coruña totaliza 204 contagios activos, seis máis que onte, e sete aulas pechadas, dúas máis; en Santiago baixan a 153 casos, oito menos, e seis aulas pechadas, unha máis; e en Ferrol soben a 151, doce máis, e cinco aulas pechadas, unha máis.

A continuación figuran a área de Lugo, con 139 casos, sete máis, e seis aulas pechadas, unha menos; Pontevedra, cos mesmos 136 casos e as mesmas tres aulas pechadas que onte; e, en último lugar, Ourense con 113 casos, un máis, e sete aulas pechadas.

Só a escola infantil Golfiños de Lugo permanece clausurada ata nova orde, segundo os datos facilitados pola Xunta.