O sol dá paso este mércores ás nubes, con choivas ao final do día

As precipitacións serán especialmente intensas na provincia de Pontevedra e sur da provincia da Coruña

Galicia irá perdendo este mércores a influencia do anticiclón debido ao achegamento dunha borrasca polo oeste que enviará unha fronte fría ao final do día. A comunidade amencerá cos ceos despexados, pero co avance da xornada entrarán as nubes polo litoral oeste. As choivas comezarán cara ás últimas horas pola franxa atlántica, sendo especialmente intensas na provincia de Pontevedra e sur da provincia da Coruña. 

Tempo

Segundo a información de Meteogalicia, o vento soprará de compoñente sur, frouxo pola mañá e aumentando o forte á noite en todo o litoral atlántico. As temperaturas mínimas quedarán sen cambios e as máximas descenderán lixeiramente. 

Así, por cidades, as máximas estarán entre os 27 graos de Ourense e os 22 da Coruña, Ferrol e Santiago, mentres que as mínimas oscilarán entre os 7 de Lugo e os 15 de Vigo.