Suspenden o xuízo contra tres supostos autores dun secuestro de Guísamo

A sala decidiu aprazar o proceso ata o próximo 19 de decembro pola ausencia dun dos acusados, que se atopa en situación de rebeldía en Uruguai

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña suspendeu este luns o xuízo contra tres persoas para as que se pedían entre once e catorce anos de prisión por un presunto secuestro ocorrido en 2012 en Guísamo, no municipio coruñés de Bergondo.

A sala decidiu aprazar o proceso ata o próximo 19 de decembro pola ausencia dun dos acusados, que se atopa en situación de rebeldía en Uruguai, dúas testemuñas e tres axentes da Garda Civil.


Os feitos ocorreron o día 23 de decembro de 2012, cando os acusados presuntamente secuestraron un home e posteriormente a súa parella para roubar no seu domicilio de Guísamo.

Os ausentes, ademais dos tres axentes, foron dúas testemuñas craves do caso, polo que tanto o Ministerio Fiscal como a acusación particular pediron a suspensión, á que accederon as defensas.

Trátase dunha muller que tiña un teléfono móbil roubado durante o presunto secuestro, que foi localizada, o que levou posteriormente a dar cos tres procesados.

O outro ausente vira a un dos procesados mentres conducía o vehículo subtraído na leira cuxo propietario fora presuntamente secuestrado.

A idea da defensa que leva José Ramón Sierra, segundo explicou aos medios, é solicitar durante o xuízo que se celebre en decembro a libre absolución.

Argumenta que os acusados actuaron baixo os efectos das drogas sen ser conscientes dos seus actos e agora atópanse perfectamente reinsertados e teñen familia, aínda que o deberá valorar o tribunal a final de ano.

Segundo o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, os tres imputados accederon ao domicilio mentres o dono durmía e, entón, este sorprendeu aos supostos ladróns, que levaban a cara cuberta cun pasamontañas, cando un deles portaba unha escopeta e outro tiña unha barra de ferro coa que lle propinou un primeiro golpe na cabeza.

Posteriormente golpeárono por todo o corpo mentres lle esixían que lles dixese onde estaba a caixa forte e o diñeiro, segundo continúa a Fiscalía.

Ataron á vítima cunha corda, que pasaba polo pescozo e as mans, e esta perdeu o sentido, momento no que os acusados aproveitaron para revolver a vivenda e facer súas as cousas de valor, sempre segundo o escrito.

Horas despois chegou á casa a compañeira sentimental da vítima que tamén se viu sorprendida polos tres acusados quen, rapidamente, a inmobilizaron ao atarlle as mans.

Esixíronlle diñeiro, polo que ela sinaloulles un lugar onde gardaba unha suma de diñeiro, co que se fixeron, así como de 250 euros que tiña no bolso.

Supostamente fixeron provisión de gran cantidade de aparellos electrónicos e aveños da vivenda valorados en 5.659 euros, xoias por valor de 507 euros e do vehículo propiedade da vítima taxado en 6.403 euros, antes de abandonar a vivenda.

O dono do coche puido recuperalo o 21 de xaneiro de 2013, así como tamén algúns obxectos valorados en 827 euros, aínda que os procesados ocasionaron danos na casa computados en 247 euros.

Por todos estes feitos as tres persoas están acusadas de dous presuntos delitos de detención ilegal, un delito de roubo con violencia cometido nunha casa habitada con uso de instrumento perigoso e un delito de lesións con instrumento perigoso, con agravante de disfrace e abuso de superioridade, ademais de reincidencia.

Dous dos tres acusados enfróntanse a unha petición once anos de cárcere mentres que o terceiro a catorce anos pola tenencia ilegal de armas. 

Comentarios