A comisión disciplinaria do Consello Xeral do Poder Xudicial impuxo unha sanción de dous meses no exercicio das súas funcións a María Jesús Pérez García, a xuíza do tarot, por conceder indultos parciais a presos cando estaba no xulgado de Vixilancia Penal número 3 de Lugo.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informou da resolución adoptada tras a apertura de expediente á xuíza, que agora está á fronte do xulgado de violencia machista da Coruña. O órgano considera que cometeu unha falta grave ao asumir unha competencia, sobre internos de centros penais, que é exclusiva do Goberno a través do Consello de Ministros.
A xuíza do tarot estivo destinada en Vixilancia Penal entre novembro de 2016 e xuño de 2019. Este xornal informou en exclusiva da apertura de expediente Pérez García por conceder indultos.