As temperaturas dispáranse, con máximas de ata 34 graos

Arnoia rexistra os datos máis elevados dunha xornada que deixa 32,5 graos en Ferreira de Pantón e 30,1 en Salceda de Caselas
Un hombre toma en sol en una zona fluvial del río Miño en Ourense
photo_camera Un hombre toma en sol en una zona fluvial del río Miño en Ourense

O sol brillou con forza este mércores en toda Galicia, especialmente na zona interior, onde se rexistraron temperaturas máximas que superaron os 34 graos centígrados. 

Concretamente, os rexistros máis altos producíronse no concello de Arnoia, con 34,3 graos e Leiro, con 34. Segundo os datos de Meteogalicia, na provincia de Ourense tamén se superaron os 30 graos en Verín (32,8), Villamartín de Valdeorras (32,7), na capital provincial (32,6), Castrelo do Miño (31,8), Larouco (30,8), Castro Caldelas (30,4) e Laza, onde se acanzaron os 30,2 graos. 

A sensación de calor tamén foi intensa na provincia de Lugo, que chegou a superar os 32 graos en Ferreira de Pantón (32,5) e Ribas de Sil (32,3). Sober, Chantada, Bóveda, Sarria, Portomarín e Lugo tamén superaron os 30 graos de temperatura máxima ao longo do día.

Moi diferente foi a situación meteorolóxica na Mariña lucense, onde os termómetros dificilmente excederon os 20 graos: 20,3 en Ribadeo e 20,8 en Burela e Viveiro.

O sur da provincia de Pontevedra tamén soportou altas temperaturas este mércores, como os 30,1 graos rexistrados en Salceda de Caselas e os 29,7 de Salvaterra de Miño. No resto da provincia, os termómetros mantivéronse entre os 24 e os 26 graos. Do mesmo xeito que na Coruña, onde as temperaturas máximas, que se rexistraron en Vedra e Santiago, non superaron os 28 graos (27,8 e 27,2, respectivamente).

PREVISIÓN. Para este xoves espérase a chegada dunha fronte pouco activa polo litoral que baixará lixeiramente as temperaturas, especialmente na zona norte de Galicia. As máximas rexistraranse de novo en Ourense (ata 34 graos), mentres que en Lugo rozarán os 27 graos, en Pontevedra os 25 e na Coruña quedarán cuns agradables 21 graos.

No resto de España, ata unha ducia de provincias do interior peninsular estarán este xoves en situación de risco (aviso amarelo) por altas temperaturas, que poderán alcanzar os 39 graos centígrados, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). En concreto, o aviso amarelo afectará as provincias andaluzas de Córdoba, Granada e Xaén, onde se esperan ata 39 graos centígrados; a Sevilla, Badaxoz e Cidade Real, onde chegarán a 38 graos de máxima. O risco por altas temperaturas afectará tamén a Albacete, Cuenca, Madrid, Huesca, Zaragoza e Valencia. 

Comentarios