miércoles. 23.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 23.10.2019
El tiempo

Unha testemuña do crime de 'A Esmorga' declara que o acusado confesou que tirou o mozo á canle

Os acusados polo crime da Esmorga. TVG
Os acusados polo crime da Esmorga. TVG

O procesado só recoñece que forcexou coa vítima e apunta a unha "caída accidental"

Unha testemuña que declarou este mércores no xuízo polo crime de 'A Esmorga', no que faleceu un mozo romanés tras unha noite de festa, e que estivo inicialmente investigado por esta causa e posteriormente posto en liberdade, declarou que escoitou como un dos acusados, Óscar E.L. de 25 anos, confesoulle que "el mesmo tirara o mozo ao encoro abaixo e que Eduardo —o segundo procesado— estaba alí".

Durante a vista oral que acolle a Audiencia Provincial de Ourense con tribunal de xurado, relatou que o outro acusado, Eduardo, tamén lle contou que dixera a Óscar "que lle perdoase a vida a Alexandru e non lle tirase á auga". Esta versión contradi á dada por Eduardo L.F. este martes e a ofrecida este mércores pola mañá polo propio Óscar, quen se aferrou a que a morte foi "un accidente", negando o asasinato con aleivosía. 

"Óscar díxome que foi el quen o botou ao río", sostivo unha testemuña, que estivo imputado no caso por un delito de lesións leves 

A testemuña, que estivo con eles aquela noite, negou que Alexandru W.B. iniciase a disputa e que quixese pegar aos outros dous acusados, como estes sostiveron, a pesar de recoñecer que houbo un enfrontamento "entre Alexandru W. B. e Óscar", a raíz do cal "Óscar enganchoulle a cabeza e deulle contra o chan deixándolle varias feridas", xa que lle sangraba tanto a cabeza como os dentes", teses que mantén a Fiscalía.

Pola súa banda, o acusado, quen unicamente recoñeceu que forcexou coa vítima, negou que arroxase o mozo romanés á canle e apuntou a unha "caída accidental", aínda que non foi capaz de explicar por que apareceron restos de ADN de Alexandru na varanda, á que supostamente se agarrou para non caerse. "Non sei como caeu", apuntou Óscar, quen asegurou que "en todo momento" tratou de atopar a Alexandru pero que finalmente se marchou ao pensar "que saíra polo seu propio pé da canle".

O acusado di non saber "como ou por que" caeu a vítima á canle 

Deste xeito, rexeitou as acusacións vertidas por Eduardo contra el e asegurou que foi este quen "non quixo que contásemos nada" do ocorrido. Pola contra, o Ministerio Fiscal cuestiona a versión ofrecida e tratou de probar que non foi un accidente tras preguntar reiteradamente por que non deron aviso á Garda Civil ou aos servizos de urxencias. 

O xuízo que continúa este xoves contará a declaración da muller de Eduardo L.F., quen esa noite se espertou e marchouse de casa cos seus fillos, tras discutir coa súa parella, e o venres podería declarar a nai da vítima.

Unha testemuña do crime de 'A Esmorga' declara que o acusado...
Comentarios