Hospitalizado un home en Culleredo e outro en Irixoa por picaduras de avespa

Un dos homes tivo que ser trasladado en helicóptero ao Chuac e o seu prognóstico é reservado

Nido de avispa velutina. DAVID FREIRE
photo_camera Niño de avespa velutina. DAVID FREIRE

Un traballador dunha compañía eléctrica que estaba a realizar tarefas de mantemento na Zapateira, na Coruña, e outro home que se atopaba na localidade de Irixoa, tiveron que ser trasladados ao hospital da Coruña tras sufrir picaduras de avespa velutina. 

Segundo informaron fontes do servizo de Emerxencias do 112, ás 09.10 horas o CIAE recibiu a chamada de alerta dun particular, que comunicaba que o traballador, que estaba a realizar tarefas de mantemento nunha torre, recibira varias picaduras dun enxame. O 112 transmitiu o aviso ás urxencias médicas, á Garda Civil, á Policía Local e á Nacional.

O operario, de 27 anos e iniciais A. G. C., non é alérxico ás picaduras de avespa, segundo precisaron fontes de Sanidade, aínda que, con todo, foi trasladado a un centro hospitalario. O suceso produciuse na Zapateira, na rotonda de acceso ao aeroporto da Coruña, na zona limítrofe con Culleredo.

IRIXOA. Por outra banda, o 112 Galicia tamén indicou que outro home tivo que ser atendido debido a picaduras de avespa, neste caso, en Irixoa. Un particular púxose en contacto co centro de atención ás emerxencias ao redor das 13.30 horas deste venres. Na chamada, alertábase de que un home recibira varias picaduras, no número 3 da Lamela de Arriba, en Coruxou, en Irixoa.

Tras dar traslado do aviso a urxencias médicas, mobilizouse un helicóptero medicalizado, que desprazou ao home ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña ( CHUAC). O seu prognóstico é reservado, segundo concretaron fontes sanitarias. Tamén se informou á Garda Civil.