Os apicultores cualifican de "praga" a presenza de velutinas en Galicia

A Sociedade Galega de Apicultores estima que existen máis de cen mil niños e reclama á Xunta de Galicia que convoque unha reunión para abordar a problemática

Apicultores. AEP
photo_camera Apicultores. AEP

O presidente da Sociedade Galega de Apicultores, Xesús Asorey, cualificou de "praga" a presenza da avespa velutina en Galicia, estimando en máis de cen mil os niños existentes, e reclama á Xunta de Galicia que convoque unha reunión para abordar esta cuestión. Asorey, logo das demandas dos socialistas de Lugo, tanto do secretario provincial, Álvaro Santos, como da alcaldesa, Lara Méndez, para que se active a declaración de "praga", non dubida de que "unha praga si que é", e afea que, agora mesmo, se considere só "como unha especie exótica invasora". Aclarou que a "autoridade competente é a Consellería de Medio Ambiente, que é a que ten que tomar o mando pero non o fai", censurou. 

"Non sei si valería para algo declarar a praga. Na Xunta teñen que xestionala pero non o fan", protestou este apicultor, que denuncia á súa vez que "non" hai "diálogo" coa Consellería de Medio Ambiente. "Cada vez que solicitamos na Consellería unha reunión que consideramos urxente para tomar algunha medida tardan tres meses de media en convocala. Iso non ten pés nin cabeza", clama. 

Asorey alertou de que esta especie xa está estendida por toda Galicia, reprochando que se apuntou desde a Xunta que se trataba dun problema "só dos apicultores" porque "agora xa se ve que non, porque incluso hai falecidos". "É perigoso traballar no monte ou no campo. O de Medio Ambiente é para nota. Os apicultores tamén estamos afectados", subliña. 

Asorey recordou que o pasado ano "desactiváronse" 22 mil niños de velutina na comunidade, pondo o acento en que iso "pode ser un vinte por cento" do total que sitúa por encima dos cen mil. 

Comentarios