Tres anos de prisión a un exempregado dun banco que estafou máis de 400.000 euros a clientes

O home, valéndose do seu cargo nunha sucursal bancaria do Carballiño, cometeu un delito continuado de falsidade en documento mercantil, estafa e alzamento de bens. Os estafados aínda non recuperaron o seu diñeiro

Un exempregado dunha entidade bancaria do Carballiño, acusado dun delito continuado de falsidade en documento mercantil, estafa e alzamento de bens, aceptou unha pena de dous anos de prisión, polos dous primeiros delitos e outro ano máis, polo terceiro, por estafar máis de 400.000 euros a cinco clientes dunha sucursal.

Pola súa banda, a súa muller aceptou seis meses de cárcere por un delito de alzamento de bens.

As acusacións e defensa chegaron este mércores a un acordo de conformidade, antes da celebración do xuízo, para o que a Audiencia Provincial de Ourense reservara dous días.

Segundo o relato da fiscalía, o home, valéndose do seu cargo de empregado nunha sucursal do Carballiño (Ourense), apropiouse en 2008 de máis de 400.000 euros a cinco clientes dunha entidade bancaria do Carballiño. A Fiscalía sostén que a parella intentou aparentar que L.R.V.A. era incapaz de facer fronte ás posibles responsabilidades civís, pondo todo a nome dela, logo de pór fin á sociedade de gananciales.

Para iso, o home "co ánimo de obter un beneficio patrimonial ilícito escribiu e encheu dous recibos de disposición de fondos" de varias contas por diferentes importes e enganou a outra muller á que lle fixo crer que asinaba un documento con diñeiro a prazo quedándose el o diñeiro.

Os estafados aínda non recuperaron o seu diñeiro a pesar da mediación da Fiscalía.

O acusado e a entidade bancaria terán que indemnizar, como responsable civil subsidiaria, aos prexudicados co diñeiro estafado, máis os intereses xerados, coas contías que ascenden, nun caso, a máis de 252.000 euros e aos outros catro, con cantidades que oscilan entre 24.000 e 60.000 euros.

Comentarios