Tres detidos no aeroporto da Coruña por falsidade documental e usurpación de estado civil

A intención dos arrestados era burlar as medidas de control e conseguir chegar a Reino Unido

Axentes da Policía Nacional detiveron no aeroporto da Coruña a tres homes por delito de falsidade documental e usurpación de estado civil, segundo informa a Xefatura Superior de Policía de Galicia.

O primeiro dos feitos produciuse o pasado día 2 de xaneiro no aeroporto de Alvedro. Os axentes da Policía Nacional encargados do control de fronteiras interceptaron a un cidadán nacional de China, de 20 anos de idade, cando trataba de embarcar a Londres portando un pasaporte de Malaisia.

O documento que utilizou o home presentaba todas as medidas de seguridade dos documentos deste país. No entanto, ao presentar o billete de avión con destino a Londres co respectivo pasaporte, os axentes de Fronteiras da Policía Nacional, detectaron que o portador do pasaporte podía non ser o lexítimo titular do mesmo.

OUTROS FEITOS SIMILARES. O segundo feito produciuse o pasado día 14 de xaneiro, cando funcionarios da Policía Nacional do posto fronteirizo de Alvedro identificaron a unha muller nacional de China, de 26 anos, cando trataba de embarcar a Londres portando, neste caso, un Pasaporte de Taiwan. Tamén neste caso comprobouse que era falso.

O terceiro feito foi similar ao anterior. Un cidadán de nacionalidade Chinesa, de 41 anos, intentou voar a Londres, desde o aeroporto de Alvedro, cun pasaporte de Taiwan. O feito produciuse o 31 de xaneiro. O documento xenuíno que utilizou o detido, do mesmo xeito que nos casos anteriores, presentaba todas as medidas de seguridade dos documentos deste país, aínda que se ratificou que era falso.

Segundo a Policía, en todos os casos o modus operandi utilizado polos detidos responde o esquema utilizado por cidadáns nacionais de países asiáticos que se camuflan como turistas para sortear os pasos fronteirizos, cambiando as rutas e os documentos empregados para o traslado co obxectivo de dificultar a súa detección.

Comentarios