UU AA aposta por cambiar as batidas de lobos por "esperas"

O responsable do sindicato, Jacobo Feijóo, defende que se trata dunha modalidade "máis efectiva" que evita a "conflitividade social"

Un lobo. AEP (ARCHIVO)
photo_camera Un lobo na serra da Culebra. AEP (ARQUIVO)

O responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias (UU AA.), Jacobo Feijóo, sinalou que o sindicato aposta por cambiar as batidas de lobos por outra modalidade "máis efectiva" coñecida como espera.

Feijóo realizou estas declaracións a EFE ao ser preguntado por un recente ataque de lobos a cabezas de gando, que tivo lugar na parroquia vilalbesa de Samarugo a madrugada do 20 de agosto e tras o cal resultaron mortas cinco ovellas.

"A nosa posición é que primeiro hai que atender rapidamente á indemnización do dano e despois hai que xestionar as poboacións de lobo de maneira que sexan compatibles coa gandería", indicou Feijóo. "Cando iso implique accións puntuais de caza, non ten que haber ningún problema", engadiu.

O responsable de Desenvolvemento Rural do sindicato agrario indicou neste sentido que "ademais de batidas habería que organizar esperas, unha modalidade máis eficaz e que tamén pode axudar a compatibilizar a convivencia co gando"

Nesta modalidade, segundo avanzou Feijóo, evítase a "conflitividade social" porque "non hai que organizar un balbordo de cazadores nin andar con cans". "Simplemente necesítase un cazador autorizado que saiba facer un axexo ao lobo e que elimine un animal, co obxectivo controlar unha manda conflitiva", explicou.

Desde o sindicato inciden, no entanto, na necesidade de conservar "o lobo, dado que é un tesouro faunístico de todos os galegos", pero tamén recordan que "hai que facer un esforzo para que non paguen esta conservación unicamente os agricultores e gandeiros". "A caza non ten que dar ningún medo, sobre todo en zonas de ataques reiterados ou de especial alarma social", puntualizou Feijóo.

Con respecto ás dúbidas entre algúns veciños das zonas rurais sobre se os ataques puidesen estar efectuados por cans asilvestrados, desde UU.AA. entenden que "en principio o normal é que sexan lobos". "Temos análises moi precisas, tipo C.S.I., de ADN, de pelos e de eyecciones, polo que hai poucas dúbidas", sinalou Feijóo. "Ademais, é raro que haxa cans salvaxes nos montes porque llos comen os lobos", concluíu.

Comentarios