Valentín González Formoso, reelixido presidente da Deputación da Coruña

A revitalización do rural, a cooperación con municipios e a aposta polo emprego serán os eixos da súa segunda lexislatura

González Formoso con el bastón de mando. EFE.
photo_camera González Formoso co bastón de mando. EFE.

A Deputación da Coruña quedou este luns constituída sen sorpresas, de forma que a Presidencia será exercida de novo polo socialista Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, mentres que o concelleiro de Carballo do BNG Xosé Regueira será vicepresidente tras a saída de Goretti Sanmartín. 

O Partido Popular quedouse con catorce dos 31 deputados no organismo provincial, mentres que o PSOE ten once e o BNG cinco. A Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños teñen un representante respectivamente. Da Deputación sae Compostela Aberta que perdeu o único representante que tiña na anterior lexislatura. 

Valentín González Formoso inicia unha nova etapa "con ilusión e optimismo", tal e como manifestou ao comezo do seu discurso tras ser investido presidente da Deputación da Coruña por maioría absoluta, con 17 votos a favor e 14 en contra, na sesión de constitución deste luns da Corporación provincial. 

González Formoso instou ao "dialogo" e ao "consenso" das cinco forzas políticas constituíntes da Deputación, que de novo volve ser plural e diversa", describe o reelixido presidente, quen destacou o "sentimento de responsabilidade" de gobernar unha provincia que "é o motor social, cultural e económico de Galicia". 

"Comprométome a liderar un goberno provincial que terá como principio fundamental a lealdade institucional, a colaboración con todas as administracións, independentemente da súa cor política; e como único norte a defensa dos intereses da cidadanía desta provincia", asegurou o presidente do organismo provincial, que se compromete a gobernar para pensar "nas próximas xeracións, non nas próximas eleccións". 

O acto, que contou cunha elevada presenza pública, estivo marcado polas diferentes fórmulas de promesa do cargo empregadas por varios deputados provinciais. Algúns optaron polo xuramento, outros pola promesa; pero tamén os houbo que o fixeron por imperativo "legal" ou con referencia aos "seus principios republicanos", como foi o caso de Alberto Lema, de Marea Atlántica.

CREACIÓN DUNHA AXENDA RURAL PROVINCIAL 
A revitalización do rural coruñés, a potenciación da cooperación cos municipios e a aposta polo emprego serán tres eixos vertebradores do goberno provincial neste mandato, segundo destacou González Formoso. 

"A revitalización do mundo rural é urxente e inaprazable", dixo durante o seu discurso, no que, ao fío disto, anunciou a creación dunha Axenda Rural Provincial, que terá como obxectivos "apoiar a mellora de vida, a creación do emprego e a fixación de poboación no rural coruñés". 

Así mesmo, anunciou que a Deputación acaba de obter do Goberno central preto dun millón de euros para o financiamento de dous novos programas de loita contra a "España baleirada" e a fixación da poboación no rural. Programas que teñen previsto aprobar no primeiro pleno deste mandato, segundo indicou o seu presidente.

EMPREGO E MOBILIDADE 
Ademais de loitar para evitar que "o rural galego sexa un deserto nas próximas décadas", o desemprego "seguirá sendo a principal preocupación e a principal ocupación da Deputación", sinala González Formoso. 

Así, comentou que o organismo provincial continuará co liderado e apoio a "necesidade urxente de reactivar o sector industrial" ou promover a creación dunha zona franca que "apontoe o liderado exportador da Coruña". 

No seu discurso tamén tivo palabras para o asunto da mobilidade sostible, anunciado a concesión de 4 millóns de euros de fondos Feder para acometer "ambiciosos proxectos que contribuirán a potenciar o turismo e a mobilidade sostible".

Comentarios