Dous feridos no incendio dunha vivenda na Coruña

A combustión de gases de pintura e vernices provocou unha explosión no inmoble. A consecuencia da mesma, unha muller precipitouse pola fiestra

Un home e unha muller resultaron feridos a última hora desta tarde no incendio da súa vivenda na Coruña, segundo informaron fontes dos bombeiros da cidade.

O lume comezou ás oito menos dez da tarde nun primeiro piso pero coa altura dun segundo na rúa Birloque número 8, situada no barrio do mesmo nome. As chamas, que calcinaron toda a vivenda, orixináronse supostamente pola combustión de gases procedentes da pintura e vernices que estaba a utilizar o home na casa, e que provocaron unha explosión no inmoble, engaden as mesmas fontes.

A consecuencia da mesma, ou co fin de fuxir do lume, sosteñen os bombeiros, a muller, con iniciais M.P.R., de 44 anos, precipitouse por unha fiestra, polo que sufriu diversos traumatismos, ademais de varias queimaduras.

Segundo detallan fontes de Urxencias Sanitarias, o home, de 46 anos e con iniciais V.E.S., tamén resultou afectado as chamas con varias queimaduras aínda que, no seu caso, puido saír do edificio polas escaleiras, engaden os bombeiros.

Ao lugar dos feitos desprazáronse dúas ambulancias e a parella foi trasladada ao complexo hospitalario da Coruña. Os bombeiros acudiron a sufocar as chamas con cinco vehículos e lograron extinguilas pouco antes das dez da noite