Vázquez pide "prudencia" sobre quen será alcalde, ante cambios de opinión

O posible novo alcalde de Ourense afirma que o seu nomeamento "respondería ao que sería unha situación normal logo do que ocorreu estes últimos catro anos"
El alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad (PP)
photo_camera El alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad (PP)

O candidato do PP á Alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, pediu hoxe "prudencia" para coñecer o próximo rexedor porque "nas últimas semanas xa puidemos comprobar como mudaba -de opinión- en cuestión de horas". Antes de participar na inauguración da quinta liña de fabricación de Galfor, Vázquez evitou así pronunciarse sobre se podería ser o alcalde.

A falta dun día para a constitución da nova Corporación municipal, Vázquez afirmou que o goberno liderado polo PP, que se converteu no partido máis votado pero non logrou a maioría absoluta, "respondería ao que sería unha situación normal logo do que ocorreu estes últimos catro anos" e que "calquera outro tipo de pacto ou situación podería provocar máis inestabilidade da xa vivida, porque nos atopariamos con situacións non desexables para a persoa". Nese sentido, expresou a súa esperanza de que non haxa un posible voto "por desquite" pois "iso non é o que está a desexar a cidadanía".

Respecto da postura da partido Democracia Ourensá (DO) que anunciou que os seus representantes votarán a favor do seu candidato, Vázquez invitou a "a prudencia" en alusión aos continuos cambios e propostas do seu líder, Gonzalo Pérez Jácome. "A partir de mañá saberase cal vai ser a Corporación, quen vai ser o futuro alcalde da cidade", apostilou Vázquez e descartou un pacto co PSOE.

En caso de ser investido como alcalde, asegurou que espera reunirse "con todas as forzas" políticas que formarán parte do Concello. O obxectivo, engadiu, é "traballar polo ben da cidade para o que trataremos de chegar a puntos de encontro". En caso de vencer, o seu equipo empezará a traballar desde "o propio sábado" cunha reunión de traballo para poder empezar a funcionar o luns. Sobre a repartición de competencias, explicou que se establecerán "no seu momento" e "a partir de aí, empezaremos a falar das dedicacións exclusivas co resto de corporación para chegar a puntos de encontro e poder ter un mandato de catro anos normal", indicou.

En canto ás primeiras medidas que pensa tomar, anticipou que se reunirá con todos os grupos e o persoal do Concello para "facer equipo entre todos e empezar a gobernar".

Comentarios