A Veiga rexistra -7,5 graos e o frío polar seguirá ata a fin de semana

En O Cebreiro se registró una mínima de -4,5 grados este miércoles y en Monte Faro, -2,3

Vista de un pueblo cerca de O Cádavo. ELISEO TRIGO
photo_camera Vista de un pueblo cerca de O Cádavo. ELISEO TRIGO

Despois de que Manzaneda rexistrase o martes unha mínima de -10,4 graos, a marca máis xélida en Galicia dos últimos doce anos, este mércores foi noutro punto da montaña ourensá, na Veiga concretamente, onde se deu a mínima da xornada: -7,5. 

De feito, en varios puntos da provincia de Ourense persiste a alerta amarela por temperaturas mínimas por baixo do catro graos baixo cero. Segundo os rexistros de Meteogalicia, recollidos por Europa Press, noutros municipios con altitude maior de 900 metros rexistráronse valores mínimos de -7,2 graos en Carballeda de Valdeorras e -4,5 graos en Pedrafita do Cebreiro, que foi a mínima da provincia de Lugo.

En localidades ourensás con altitude menor a 900 metros as temperaturas mínimas descenderon aos -6º en Verín, -4,5 en Riós, -3,9 en Rubiá e -3,7 en Vilamartín de Valdeorras. Mentres, na provincia de Lugo rexistráronse -2,3 graos en Folgoso do Courel. En Lugo capital a mínima foi de 0,3, en Monforte de -0,3 e en Abadín, de -0,4. En Pontevedra houbo temperaturas baixo cero en zonas do interior: -2,3 no Monte Faro (Rodeiro) ou -0,1 en Lalín, por citar algúns exemplos.


PREVISIÓN. Este xoves, aínda que seguirá o frío polar, será unha xornada de transición á espera da chegada dunha fronte nas últimas horas do día. Así, o ceo estará parcialmente anubrado durante o día e cara á noite entrarán as nubes baixas polo oeste e as choivas, que durante a madrugada serán xeneralizadas. A neve deixa paso ás choivas, aínda que nevará a partir dos 1.200 metros a última hora do día. 

Segundo Meteogalicia, as temperaturas mínimas seguirán sen cambios significativos, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso. Deste xeito, as máximas ascenderán ata os 13 graos en Pontevedra e as mínimas descenderán ata un grao baixo cero en Lugo. 

O venres estará marcado polos chuvascos xeneralizados pola mañá. A cota de neve estará ao redor dos 1.000 metros ao principio do día e irá baixando ata os 800 metros.

Para a fin de semana, Galicia seguirá baixo os efectos da onda de frío polar, aínda que non se espera que neve, polo menos tanto como estes días.

Comentarios