Vigo repetirá en outubro como capital 'friki' de Galicia

O 'Galician Freaky Film Festival' seguirá tendo como obxectivo reivindicar o xénero autóctono que naceu coa Movida Viguesa de Siniestro Total e Os Resentidos

Vigo acollerá o último fin de semana de outubro unha nova edición do Galician Freaky Film Festival tras o éxito do pasado ano.

Un certame de cine e cultura freak de orixe galega que aposta por encher de novo Vigo co mellor das películas de serie B e volver, por uns días, ao horterismo que marcou a toda unha xeración desde a década dos 80, destacan os seus organizadores nun comunicado.

A partir deste xoves ábrense as bases para que todos os cineastas ou produtoras que queiran presentarse ao certame poidan enviar, ata o 17 de setembro, os seus proxectos á web do festival.

As obras audiovisuais nacionais e internacionais de ficción, non ficción, animación, terror, cine fantástico ou calquera traballo que polos seus contidos ou tratamento estético poida ser denominado friki ou serie B poderá optar á exhibición ou participación no festival.

Galician Freaky Film Festival aspira a abrirse a proxectos de fóra de Galicia, aínda que o principal obxectivo seguirá sendo reivindicar o xénero autóctono que comezou nos anos 90 coa Movida Viguesa de Siniestro Total e Os Resentidos e que continuou con Heredeiros da Crus e consolidouse con Xabarín Club.

Os organizadores estrearán unha nova categoría na que se exhibirán diferentes micro curtos realizados con teléfonos móbiles.

Comentarios