Villares anticipa "un número moi elevado" de candidaturas de En Marea nas municipais

O líder da formación rupturista descarta adiantar o calendario electoral interno da formación de face aos comicios locais

Luís Villares.LAVANDEIRA JR
photo_camera Luís Villares.LAVANDEIRA JR

O portavoz de En Marea, Luís Villares, anticipou este domingo "número moi elevado de candidaturas en todo o país que permita a todo o que queira votar Marea" nas próximas eleccións municipais de maio de 2019.

Nunha entrevista na Radio Galega, Villares descartou o adianto do calendario electoral interno da formación de cara ás eleccións locais, pois se debe facer "o que marcan os estatutos", a pesar de que varias voces internas xa solicitaron este cambio de datas.

Nos comicios haberá un "número moi elevado de candidaturas en todo o país que permita a todo o que queira votar Marea" co nome que se elixa en cada concello, pero cos mesmos principios.

"Máis democracia, máis xustiza social e, ademais, freo absoluto á corrupción institucional que continúa instalada naqueles concellos nos que goberna o Partido Popular", comentou Villares.

Consultado por se continuará á fronte do partido para representar estes valores, o portavoz asegurou que o fará mentres conte coa confianza das bases: "Mentres a xente o queira, si", dixo.

Cre que o seu proxecto político é necesario en Galicia, onde opina que as políticas do Partido Popular á fronte da Xunta xa custaron vidas, en concreto polos recortes en sanidade.

Sobre o presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, asegura que "é autor dos recortes e, polo tanto, cómplice das mortes".

Un dos próximos obxectivos de En Marea é "que o teito de gasto a nivel estatal sexa superior ao do ano pasado", o que debe servir "para facer mellores políticas sociais".

Vincula, de feito, a "sangría demográfica" co feito de que se marcha a xente nova", o que fai que país non sexa "viable", polo que di que urxe o desenvolvemento de políticas para a xeración de oportunidades: "Necesitamos diñeiro para iso", concluíu.

Comentarios