Vodas á galega: viquingas, con colleitadoras e himnos

O enlace do Pino que deu imaxes xa virais é a última mostra de celebracións do amor máis que orixinais
Unha parella, no día do seu enlace. PIXABAY
photo_camera Dous noivos o día da súa voda. PIXABAY

Non poñer límites á imaxinación e facer a voda soñada é unha lema que cada vez seduce máis xente e Galicia pode dar boa conta diso. Desde enlaces con traxes típicos ou o último fenómeno que triunfa na rede: tractores e unha colleitadora que eliminou o clásico arroz.

O vídeo no que se ve unha colleitadora botando centos de quilos de cartón picado mesturado con millo e confeti nunha voda fíxose viral estes días nas redes sociais. A enxeñosa idea foi dos amigos dos noivos que decidiron substituír o tradicional arroz por esta mestura tan rural, para un enlace —no Pino— que comezou coa procesión de cinco tractores decorados con globos. Nun deles chegaban Cristina Casal e Marcos Vázquez.

Con todo, este fenómeno con denominación de orixe galega non é o único casamento de tal orixinalidade que se celebrou na comunidade. Sen ir máis lonxe, este mes Alejandro Quelle e Rocío Pena celebraron unha auténtica voda viquinga na praia de San Román do Vicedo. A paraxe perfecta para non esquecer un 'quérote' se es un apaixonado da historia, pois a zona conta con restos dun asentamento viquingo. O noivo, que se documentou a fondo, tallou nove figuras de deuses viquingos para decorar a cita á que pequenos e maiores acudiron vestidos de acordo coa temática.

Pero se se trata de parellas que dan a volta ao mundo nas redes sociais, os internautas aínda non esqueceron o vídeo da voda de Álex Dávila e Ana Fernández, dous noivos da Coruña e Carballo que cambiaron o momento do vals por unha muiñeira chegando ao medio millón de reproducións.

Outro caso soado foi o enlace de Sindy e Rodrigo hai dous anos en Albarellos (Ourense), no que, con música galega e baixo unha carpa, uns amigos da parella sortearon con 500 papeletas un porco para coidar os meses restantes ata a matanza e, para poñer a guinda ao agasallo, tocoulle ao acabado de casar.

E para galego, camiñar ata o altar co himno do Celta como o fixo este ano Adrián García na súa voda con Cristina Caeiro en Catoira, unha idea do noivo que non podía apartar a súa paixón celeste do día máis importante da súa vida e, por se isto fose pouca emoción para el, o propio club de fútbol retuiteou o vídeo na súa conta oficial.

A elección da roupa é a guinda onde moitas mentes brillantes deciden lucirse, pero Tamara e Luis, que casaron hai anos na noite de San Xoán cunha boa queimada e a golpe de gaita e tambor, non dubidaron nin un momento en darse o si quero co traxe tradicional galego.

Unha longa lista con temáticas, músicas, traxes e sorpresas varias que non deixa de sumar membros, pois un día que se recorda para toda a vida tamén é un día no que manda a orixinalidade e a risa. 

Comentarios