Xinzo arrinca o ciclo máis longo do entroido con 'batalla' tinguida de branco

No 'Domingo Fareleiro' centos de persoas asistiron ao espectáculo onde a fariña é a protagonista

Coma se se tratase dunha especie de ritual de purificación, centos de persoas protagonizaron este domingo unha auténtica batalla campal no centro da localidade de Xinzo de Limia, no chamado Domingo Fareleiro, a primeira das citas do Entroido ourensán, e que ten a fariña como elemento principal.

Esta cerimonia evoca a entrega que facían os homes dos farelos, ás mulleres ás que querían cortexar e que ten como obxectivo vencer ao outro bando coa fariña como elemento principal.

Con esta cita, Xinzo abre un intenso calendario de celebracións, ao que seguirán o domingo "oleiro" e de "corredoiro", nun vórtice festivo que terá o seu punto e final o próximo mes de febreiro coa celebración do domingo de piñata.

O visitante que acode ao domingo de "farelada" ten que saber que debe ir convenientemente preparado, con roupas adecuadas e incluso con lentes de mergullo ou máscara, nalgún caso, dada a gran cantidade de fariña que se arroxa durante a intensa batalla.

E é que todo o que se achegue ata o lugar non debe tomarse a mal o acabar cuberto de fariña de xeito total, un feito do que non se salvan nin os medios de comunicación, que cobren cada ano este evento, de transcendencia internacional.

O obxectivo está claro: vencer ao outro bando da confrontación arroxando fariña ao adversario. Para iso os participantes teñen que lograr enfariñar ao seu adversario, unha recente tradición que foi recuperada despois de que practicamente desaparecese tras sufrir os envites da represión.

Como todo ritual, a farelada ten as súas propias normas non escritas. "Non tirar fariña nos ollos, coches, nin escaparates" dos establecementos comerciais, segundo recollen na publicación As caras do entroido ourensán, os etnógrafos galegos. 

Ao final, ningún asistente se libra de acabar tinguido de branco debido aos centos de quilos de fariña que se arroxan en escasos minutos, mesturada con salvado para que non quede pegada.

Sobre esta celebración, o investigador Federico Cocho, entroncou en diferentes publicacións esta festa "coas bromas e xogos" que se facían outrora, consistentes en "mancharse con fariña ou calquera outro elemento que houbese a man" e que tamén se celebra noutros puntos da provincia de Ourense. 

Comentarios