O xuíz ratifica a prisión de tres membros da banda dos 'Betas'

En total foron quince persoas detidas, entre as que figura a moza que caeu pola fiestra dun edificio cando trataba de fuxir dun rexistro domiciliario na avenida Florida

Avenida de Florida, en Vigo. GOOGLE MAPS
photo_camera Avenida de Florida, en Vigo. GOOGLE MAPS

O Xulgado de Instrución 5 de Vigo ratificou este luns a permanencia en prisión de tres integrantes da banda criminal denominada os Betas, acusados dun delito de organización criminal, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Os tres compareceron este luns no xulgado que se fixo cargo da investigación tras recaer inicialmente no de Instrución 4 de Vigo, que decretou o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza o pasado día 11.

En total foron detidas quince persoas, entre as que figuran menores fuxidos de centros tutelados, así como unha moza que caeu pola fiestra dun edificio cando trataba de fuxir dun rexistro domiciliario na súa vivenda na avenida da Florida.

As forzas de seguridade sospeitan que os detidos formaban parte de supostas bandas delituosas integradas por algúns cidadáns de nacionalidade dominicana que estaban asentadas na zona sur da provincia de Pontevedra.

A esas supostas bandas os investigadores atribúenlles un centenar de roubos, furtos de móbiles, acosos, lesións e ameazas en zonas de Vigo, Cangas do Morrazo e Baiona. 

Comentarios