A Xunta convocará axudas para apoiar o traballo de 2.500 persoas con discapacidade

Desde 2015 un 37,6% máis de persoas con discapacidade comezaron a traballar en Galicia 

Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo. OLGA FERNÁNDEZ

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou este xoves en O Porriño (Pontevedra) que a Xunta convocará axudas a centros especiais de emprego con 12,4 millóns de euros de investimento. 

Esta iniciativa busca apoiar os postos de traballo de 2.500 persoas con discapacidade dos 107 centros galegos, crear 40 empregos indefinidos e financiar a contratación de 60 traballadores das unidades de apoio. Así o anunciou o conselleiro na súa visita ás instalacións da Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo do Amor, onde destacou que a formación para o emprego é a ferramenta crave para avanzar no camiño da inclusión, segundo informou a Administración galega nun comunicado. 

Ademais, o titular de economía sinalou que a Xunta aposta por adaptar a formación ofrecida ás necesidades reais das empresas e dos novos perfís profesionais, á vez que "se presta especial atención" aos colectivos con máis dificultades, para, deste xeito, conseguir a súa integración na sociedade a través da inserción laboral.  Deste xeito, o Executivo galego está comprometido en crear un emprego de calidade e inclusivo e desde 2015 a Comunidade galega suma un 37,6% máis de persoas con discapacidade activas, segundo apuntou a Consellería. 

O conselleiro resaltou o labor da asociación que leva 30 anos en favor da calidade de vida das persoas con discapacidade

Na súa visita, o conselleiro resaltou o labor da asociación que leva 30 anos en favor da calidade de vida das persoas con discapacidade, xa que deu servizo a 11 concellos cun persoal na que o 70% dos traballadores son persoas con discapacidade intelectual. Así mesmo, a entidade facilita a inserción laboral dos seus usuarios en áreas como a xardinería, a xestión de residuos, o transporte adaptado ou a limpeza, entre outros, así como o servizo de emprego que ofrece formación para adecuar as capacidades dos alumnos ás necesidades reais.  Nese sentido, Conde subliñou a importancia dos centros especiais de emprego para a inserción laboral e a integración deste colectivo e para a mellora da súa calidade de vida. 

Ademais, a Xunta destinará un total de 14,5 millóns de euros en diversas iniciativas para este ano, como os programas de incentivos para o fomento de contratación ou unha nova iniciativa de apoio para a contratación de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, así como para promocionar o emprego deste colectivo. Así, Conde concluíu que é necesario sumar a implicación do sector público, o compromiso do sector económico e dos centros e a divulgación e concienciación social para seguir avanzando na inclusión. 

Comentarios