lunes. 25.01.2021 |
El tiempo
lunes. 25.01.2021
El tiempo

A Xunta descarta "cos datos actuais" o confinamento domiciliario "en xeral"

Un home pasa xunto a un bar pechado en Santiago. EP
Un home pasa xunto a un bar pechado en Santiago. EP
Feijóo admite que esa opción estivo sobre a mesa a principios de mes porque a finais de outubro duplicáronse os contaxios

A preocupante expansión da pandemia de coronavirus obrigou a poñer sobre a mesa, a finais de outubro, a posibilidade dun confinamento domiciliario de toda a poboación galega. Unha medida impopular que a Xunta se resistía a aplicar, motivo polo que optou por decisións drásticas para amortecer a curva dos contagios. Entre elas, os bloqueos perimetrais e o peche da hostalería.

A aposta, tan arriscada como dolorosa para miles de petos, está a dar os seus froitos. Polo menos, así o testemuñan os datos que este luns expuxo o presidente da Xunta: "É certo que Galicia está nunha das mellores situacións de España de xeito continuado. Xunto con Canarias, somos a comunidade con menor presión asistencial".

Durante unha visita ás obras do novo albergue de Cáritas, Alberto Núñez Feijóo recoñeceu que o panorama era moito máis escuro hai menos dun mes. "A 14 de outubro, tódolos casos activos en Galicia ascendían a 4.500, pero a finais de mes tiñamos máis de 9.000. De seguir esa tendencia de 4.500 casos novos cada 15 días, probablemente a finais de xaneiro ou principios de febreiro, teriamos a necesidade de confinar a poboación", admitiu.

Feijóo espera poder reabrir a hostalería en determinadas "zonas" de Galicia

 

Con todo, "cos datos actuais", este luns encargouse de enviar unha mensaxe tranquilizadora á poboación: "A Xunta non prevé ningún tipo de confinamento domiciliario. Pode haber algún territorio ou municipio concreto, pero con carácter xeral, non. Dentro dunha semana ou 15 días non sei o que pasará".

GASTO SOCIAL. Núñez Feijóo aproveitou a celebración, este luns, do Día Europeo das Persoas sen Teito e o seu visita a Cáritas para destacar a loita do seu Executivo contra a exclusión social. "O orzamento neste eido ten que ser maior e por iso a Xunta contará en 2021 con 125 millóns de euros, a maior cifra da historia da autonomía", destacou.

Anunciou a blindaxe do orzamento da Risga, con 64,4 millóns, a pesar da entrada en vigor do ingreso mínimo vital; e o incremento do 35% das axudas de inclusión social para auxiliar os fogares necesitados que teñen que afrontar gastos urxentes. "Agora mesmo hai 11.000 familias —máis de 30.000 persoas— beneficiándose de contías de entre 300 e 600 euros ao mes para mercar non supermercado ou na farmacia", subliñou.

Feijóo aseverou que ante unha pandemia que tensa as costuras da protección social, "Galicia responde facéndoas aínda máis fortes", tras apuntar que o plan pioneiro de atención ás persoas sen fogar está dotado con 73 millóns de euros.

"E con máis fondos que nunca, 18 millóns de euros, a disposición das entidades adicadas á inclusión social, como Cáritas", engadiu, precisando que con esta partida está a financiarse, entre outras actuacións, parte do novo albergue da institución en Pontevedra.

Cinco inspeccións en cinco anos na residencia de Salvaterra 
O estalido de casos na residencia Salvaterra obrigou á Xunta a intervila a finais de outubro. Un equipo de profesionais sanitarios do Sergas desprazáronse ao centro para facer un seguimento médico permanente sobre a situación dos residentes, así como de vixiar a correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hixiene fronte ao covid-19 aprobadas pola Xunta de Galicia. 

Núñez Feijóo dixo este luns respecto diso que "nos chegou un anónimo hai uns meses alertando de irregularidades. Esa residencia está intervida pola comunidade autónoma e imos ver o que nos di a inspección, tanto sanitaria como social". 

No entanto, o presidente autonómico deixou claro que os problemas no centro veñen de atrás. "Dende 2015 realizáronse cinco inspeccións nesa residencia. Non hai nada que ocultar, todo o contrario; así que esa inspección rematará e os responsables darannos o seu informe definitivo", puntualizou.

A Xunta descarta "cos datos actuais" o confinamento domiciliario...
comentarios