A Xunta destinará 90.000 euros para axudas a asociacións de Amigos do Camiño de Santiago

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 16 de xullo

Peregrinos recorriendo el Camino de Santiago a su paso por Sarria. AEP
photo_camera Peregrinos percorrendo o Camiño de Santiago ao seu paso por Sarria. AEP

A Xunta de Galicia renovou o seu compromiso coas asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, cunha nova convocatoria de axudas dirixidas a estas entidades, para impulsar o seu funcionamento, cun orzamento total de 90.000 euros. 

Desta forma, prevese poder impulsar proxectos relacionados coa acollida dos peregrinos así como apoiar o desenvolvemento de actividades encamiñadas á difusión da cultura Xacobea e as publicacións que profunden neste obxectivo. 

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 16 de xullo. As axudas articúlanse a través dunha convocatoria en concorrencia competitiva e poderán ser solicitadas polas asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que teñan como finalidade a promoción da ruta xacobea e a súa peregrinación. 

A liña de axudas enmárcase no compromiso de Turismo de Galicia de apoiar o traballo que realizan este tipo de asociacións e que supoñen máis de 300 en todo o mundo. 

Precisamente, como froito deste apoio, a Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, recibiron o fin de semana en Galicia aos membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Bordeus, a Association Bordeaux Compostella, tras unha peregrinación marítima para conmemorar os 20 anos de inscrición dos Camiños de Santiago como Patrimonio mundial. 
 

Comentarios