As forzas de seguridade do Estado detiveron unha muller de 45 anos en Viveiro pola súa suposta implicación en delitos relacionados con terrorismo xihadista e tres individuos máis en Gipuzkoa por propagar o ideario do Dáesh. A lucense tería mostrado a través das redes o seu desexo de replicar en Galicia atentados similares aos de Barcelona e Cambrils de agosto de 2017.
A detención realizouse no marco dunha operación desenvolvida por axentes do Servizo de Información da Garda Civil baixo a dirección do Xulgado Central de Instrución número 5 e a Fiscalía, atendendo á información facilitada este martes polo Ministerio do Interior. A muller xa fora arrestada pola Garda Civil en 2018 e agora adoptara medidas para eludir a vixilancia policial.
Axentes na operación en Viveiro. ELISEO TRIGO (EFE) |
Ademais de consumir propaganda de diversos grupos terroristas, esta muller celebrara publicamente accións violentas, en concreto, os ataques perpetrados en Barcelona e Cambrils en agosto de 2017. Mesmo mostrara a súa intención de replicar en Galicia un atentado de características similares. A detida adoitaba facer comentarios sobre o Islam e dicía que se converteu cando residía en Canarias.
Polos elementos obtidos ao longo da investigación, a reincidencia e o incremento do nivel de risco, a Garda Civil procedeu novamente á súa detención para neutralizar esta ameaza á seguridade pública e determinar se a muller puidese estar a ser instrumentalizada ou influenciada por alguén.
PAÍS VASCO. Segundo o Ministerio do Interior, a outra operación foi levada a cabo por investigadores da Brigada Provincial de Información de San Sebastián, baixo a coordinación da Comisaría Xeral de Información da Policía Nacional, e saldouse con tres marroquís de 27 anos detidos.
Os axentes rexistraron os seus domicilios nas localidades guipuscoanas de Urretxu, Ibarra e Urnieta pola súa presunta participación nos delitos de adoutrinamento e enaltecemento do terrorismo. Os detidos, que segundo os investigadores formaban un grupo "homoxéneo e cohesionado", introducíronse nos círculos salafistas de Gipuzkoa.
Comezaran a súa actividade como consumidores de propaganda que o Dáesh publicaba en internet e foron aumentando a súa actividade virtual ata ser eles mesmos os que difundían nas súas redes sociais mensaxes de incitación ao odio e á violencia. Deste xeito, empregaban os seus perfís para distribuír imaxes cruentas dos conflitos bélicos sirio e iraquí, acompañadas de comentarios alentando a confrontación relixiosa e a destrución de Occidente e os seus aliados.
A investigación constatou que os detidos "adquiriran certa capacidade de captación e adoctrinamiento dentro da súa comunidade virtual". Pero tras recentes operacións policiais e ante o temor a ser detidos, empezaron a adoptar medidas de seguridade nas súas actividades e comunicacións online. Os seus movementos virtuais descenderon, pero os investigadores pescudaron que empezaran a interactuar en vivo con outros individuos para difundir o seu pensamento radical.