A actriz Whoopi Goldberg afirma estar a piques de morrer por pneumonía

"Estou ben, non estou morta", asegurou nun programa de televisión

Whoopi Goldberg. EP
photo_camera Whoopi Goldberg. EP

A actriz e presentadora de televisión Whoopi Goldberg asegurou este venres estar a piques de morrer por pneumonía e septicemia, tras varias semanas apartada das cámaras do show matutino que presenta na cadea estadounidense ABC: "Estou ben, non estou morta". "Estiven moi, moi a piques de deixar a Terra. A boa noticia é que non o fixen", asegurou nun vídeo retransmitido polo seu programa The View, no que leva sen aparecer máis dun mes polos problemas de saúde dos cales se está recuperando.

A recoñecida actriz de Sister Act explicou que padecera unha pneumonía en ambos os pulmóns e unha septicemia -unha infección no torrente sanguíneo- e agradeceu a todos os seus "bos desexos e as cousas marabillosas" que os seus fans lle fixeron chegar. "Incluso os que non son grandes seguidores dixeron cousas boas de min. Todos sabemos que iso vai cambiar en canto volva pero, de momento, é xenial", asegurou a gañadora dun Óscar en 1990 pola película Ghost.

Dirixíndose ás copresentadoras do programa, Goldberg asegurou estar ansiosa por volvelas ver: "Isto foi interesante e contareilles todo cando esteamos todas na mesa", dixo a nativa de Nova York. Con todo, non especificou unha posible data para a súa volta ante as cámaras.

A súa desaparición á fronte do programa coincidiu coa proximidade da gala dos Óscar que non contou con presentador por primeira vez en décadas. Entón comezaron os rumores de que Goldberg, de 63 anos de idade, podería ser fichada como mestra de cerimonias dos premios da Academia, algo que xa fixo en catro ocasións: 1994, 1996, 1999 e 2002, todas elas encomiadas pola crítica.

De feito, a actriz obtivo un premio Ofta (Premios Online de Televisión e Cine) como "mellor presentadora dun especial de música, comedia ou variedades" polo seu labor á fronte dos premios en 1999. Goldberg leva desde 2007 como copresentadora do programa The View, na cadea ABC, un formato de entrevistas con varias presentadoras que foi copiado noutros países do mundo.

Comentarios