Ao menos dous mortos nun tiroteo nunha escola de Kentucky

O gobernador do estado informou de que o tirador xa foi detido

Polo menos dous estudantes morreron e varias persoas resultaron feridas nun tiroteo rexistrado este martes nunha escola de educación secundaria da localidade de Benton, en Kentucky (EE UU), informou o gobernador do estado, Matt Bevin.

Nunha conferencia de prensa nesa cidade, Bevin elevou ata dúas a cifra de vítimas mortais, e ata 17 o número de feridos no tiroteo que ocorreu na escola Marshall County, situada nesa cidade do suroeste de Kentucky, ao asegurar que o agresor se atopa detido.

As dúas vítimas mortais son estudantes de 15 anos, unha moza que morreu na escena do crime e un mozo que faleceu no hospital pouco despois por mor das feridas de bala.

Entre os 17 feridos, 12 deles ingresaron por feridas de bala de distinta consideración e cinco deles foron hospitalizados por outros motivos, explicou o gobernador.

O tirador foi outro estudante da mesma escola, tamén de 15 anos, que se atopa baixo custodia policial e que enfrontará cargos por asasinato e intento de asasinato.

O sospeitoso foi detido polas autoridades locais no propio centro escolar de maneira "non violenta", detallou Bevin.

"As familias das vítimas foron informadas, pero non imos revelar a súa identidade neste momento", dixo o gobernador.

O director do Servizo de Emerxencias do condado de Marshall explicou na mesma conferencia que o tiroteo empezou á 7.57 hora local (12.57 GMT) e que a primeira chamada ao número de emerxencias rexistrouse dous minutos máis tarde.

A policía local chegou á escena do crime á 8.00 hora local (13.00 GMT), cando os alumnos empezaban as súas clases.

Todos os feridos foron trasladados inmediatamente a hospitais da zona, segundo medios locais, pero descoñécese a gravidade das súas lesións.

Polo momento, non transcenderon tampouco as identidades do tirador nin das vítimas, así como os motivos do tiroteo.

Con todo, a policía si atopou a arma do crime, unha pistola, na escola, segundo recolleu o diario local Lexington Herald-Leader.

A FBI atópase na escena do crime traballando conxuntamente con autoridades federais, estatais e locais, informou a propia axencia na súa conta de Twitter.

Ao redor de 4.500 persoas viven na cidade de Benton, capital do condado de Marshall, a unhas 115 millas (185 quilómetros) ao noroeste de Nashville, capital do veciño estado de Tennessee.

Comentarios