Miles de persoas esixen en Washington reunir ás familias de inmigrantes

A cantante Alicia Keys, a actriz America Ferrera e o dramaturgo de orixe portorriqueña Lin-Manuel Miranda lideraron desde o escenario unha manifestación que reuniu a máis de 30.000 persoas

Miles de persoas concentráronse este sábado fronte á Casa Branca en Washington para esixir ao Goberno de Donald Trump que reúna ás familias de indocumentados separadas como resultado das súas medidas, e que acabe coa política de tolerancia "cero" que criminaliza aos inmigrantes sen papeis.

A cantante Alicia Keys, a actriz America Ferrera e o dramaturgo de orixe portorriqueña Lin-Manuel Miranda lideraron desde o escenario unha manifestación que, segundo os seus organizadores, reuniu a máis de 30.000 persoas no centro de Washington, mentres outras 750 cidades en todo EE.UU. organizaban marchas similares.

"A nosa democracia está en xogo. A nosa humanidade está en xogo. Estamos aquí para salvar a alma da nosa nación", dixo Alicia Keys nun emotivo discurso. Keys e Ferrera, que é descendente de inmigrantes hondureños, leron as historias reais dunha nai separada do seu fillo e un avó cuxa petición de acoller e coidar da súa propia neta foi rexeitada polas autoridades estadounidenses.

Baixo a lema "As familias deben estar unidas", os manifestantes pedían reunificar aos máis de 2.500 nenos separados dos seus familiares desde abril


"Esta loita non pertence a un grupo de xente, a unha cor, a un xénero. Perténcenos a todos", afirmou Ferrera, coñecida polo seu papel na serie Ugly Betty. Baixo a lema "Families Belong Together" ("As familias deben estar unidas"), os manifestantes pedían reunificar aos máis de 2.500 nenos separados dos seus familiares desde abril, como resultado da política de tolerancia "cero" pola que EE.UU. procesa con cargos criminais a quen crucen irregularmente a fronteira sur.

Tamén esixían acabar con esa política e cos "campos de detención" de inmigrantes, nos que Trump quere recluír durante extensos períodos de tempo aos menores indocumentados e ás súas familias. "Eu vivo á beira dun centro onde están a deter creo que a dez ou quince nenos agora mesmo", explicou a Efe unha moza de 22 anos, Alexandra Cornejo.

"Está a só nove minutos da miña casa, e non se que facer, e por iso quería estar aquí, porque a miña familia tamén é unha familia de inmigrantes, de México e Guatemala, e temos que defender ás nosas familias", engadiu Cornejo, que vive en Manassas (Virginia), nos arredores de Washington.

Desde o escenario, Lin-Manuel Miranda cantou unha canción do seu éxito de Broadway "Hamilton" e pediu aos asistentes que non se deteñan "ata que eses pais poidan volver cantar nanas aos seus fillos".

A semana pasada Trump asinou un decreto para frear a separación de familias de inmigrantes, pero pediu a un tribunal que lle permita recluír a menores durante extensos períodos de tempo. 

Comentarios