Nobel da Paz para Mukwege e Murad por combater a violencia sexual en conflitos armados

O médico congoleño "tratou a miles de pacientes que foron vítimas deses asaltos" ►A iraquí é "unha das preto de 3.000 nenas que sufriron abusos sexuais como parte da estratexia militar de Estado Islámico

Nadia Murad. EFE
photo_camera Nadia Murad. EFE

O congoleño Denis Mukwege e a iraquí Nadia Murad gañaron este venres o Nobel da Paz polos "seus esforzos para terminar co uso da violencia sexual como arma de guerra e en conflitos armados" informou este venres o Comité Nobel Noruegués.

Mukwege (1955) "dedicou a súa vida a defender ás vítimas de violencia sexual en tempos de guerra" e Murad "é a testemuña que conta dos abusos perpetrados contra ela e contra outros", argumentou o comité Nobel para conceder o galardón.

O médico Mukwege e o seu equipo "trataron a miles de pacientes que foron vítimas deses asaltos", condenou "a impunidade das violacións masivas e criticou ao goberno do Congo e doutros países por non facer o suficiente para parar a violencia sexual contra as mulleres como estratexia e arma de guerra".

En canto a Murad (1995), o Comité Nobel recordou que é "unha das preto de 3.000 nenas e mulleres que sufriron abusos sexuais como parte da estratexia militar de Estado Islámico que usaban ese tipo de violencia como unha arma contra os yazidíes e outras minorías relixiosas".

Ademais destacou que "tras tres meses de cativerio logrou escapar e empezou a denunciar os abusos que sufriran ela e outras mulleres". "Tivo a extraordinaria coraxe de contar o seu propio sufrimento e de axudar a outras vítimas", dixo o Comité Nobel.

O galardón de Medicina abriu o luns a rolda de anuncios da presente edición destes prestixiosos premios, seguido polos de Física, Química e este venres o da Paz e finalmente o de Economía, que se dará a coñecer o vindeiro luns.

Cada un dos galardóns está dotado este ano con nove millóns de coroas suecas (1,02 millóns de dólares), a repartir no caso de que haxa máis dun premiado

Os premios son entregados o 10 de decembro, coincidindo co aniversario da morte do seu fundador, Alfred Nobel, nunha dobre cerimonia no Konserthus de Estocolmo e no Concello de Oslo, onde se outorga e entrega o da Paz.

A presente edición dos Nobel é atípica, xa que non se entregará o galardón de Literatura, aprazado ata o ano que vén polo escándalo que rodea á Academia Sueca, a institución que o outorga. 

Comentarios