Liberada unha persoa tras unha colisión entre dous coches en Teo
Unha persoa tivo que ser liberada do interior do seu coche logo de chocar contra outro turismo en Teo, segundo informou o 112.
Foi a propia persoa accidentada quen alertou ao 112 Galicia pasados uns minutos das 14.00 horas deste luns. Indicou que acababa de ter un accidente nas proximidades do colexio dos Tilos e que non lle abrían as portas do vehículo. Engadiu ao seu relato que levara un forte golpe na cabeza.
Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Urxencias 112 Galicia pasou o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, a Protección Civil, aos efectivos do GES da Estrada e aos Bombeiros de Ordes e de Santiago.
Unha vez no lugar do sinistro, os voluntarios de Protección Civil de Teo liberaron á persoa, que tivo que ser trasladada a un centro hospitalario.