Iván Ferreiro pon música á cabeceira de 'Fariña'

O artista de Nigrán canta un tema en galego para abrir a serie, que se estrea este a mércores

Iván Ferreiro
photo_camera Iván Ferreiro

O artista Iván Ferreiro foi encargado de realizar a canción da cabeceira da serie Fariña, baseada no libro homónimo de Nacho Carretero, que se estrea este mércores (Antena 3, 22,40 horas). 

A serie de Atresmedia estréase no medio da polémica provocada pola decisión dun xulgado de ditar orde de secuestro do libro de Carretero como medida cautelar ante a demanda presentada polo exalcalde do Grove, José Alfredo Bea Gondar, por suposta vulneración do seu dereito á honra. 

Este martes foi a propia Atresmedia a que informou de que a música corre a cargo de Iván Ferreiro, quen canta un tema en galego, e quen expresou a Bambú Produciones a través das redes sociais: "Grazas por confiar en min para isto!". 

Protagonizada polo actor galego Javier Rey (Velvet), a serie narra a historia dos narcos galegos e trasládase ata Galicia para abordar o asunto empregando integramente localizacións reais. 

Ademais de Javier Rey, o elenco protagonista de Fariña confórmano actores da talla de Tristán Ulloa, Manuel Lourenzo, Antonio Durán Morris, Carlos Blanco, Jana Pérez, Marta Larralde, Tamar Novas, Fran Lareu, Xose A. Touriñán e Celso Bugallo entre outros. 

A ficción ten un marcado ADN galego, cunha repartición conformada en máis dun 90% por intérpretes desta comunidade e por unhas gravacións que tiveron lugar, case na súa totalidade, en Galicia: diferentes recunchos de Noia, Outes, Santiago de Compostela, Porto do Son, Pontevedra, Porto Meloxo e Illa de Arousa entre outros puntos. 

Ramón Campos, Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Diego Sotelo son os responsables do guión no que tamén colabora Nacho Carretero. A ficción estará dirixida por Carlos Sedes (director principal), acompañado de Jorge Torregrosa como segundo director da serie.

ARGUMENTO. Anos 80. Galicia. A reconversión da pesca deixou a unha parte da frota galega en terra e centos de armadores endebedados. Non hai traballo. Nos moitos pobos de pescadores que percorren a costa galega, a falta de ingresos e os pagos cotiáns estrangula as economías familiares. É o caldo de cultivo perfecto para que se produza a gran transformación: os antigos traficantes de tabaco dan o salto a algo máis grande, máis lucrativo, pero moito máis perigoso: as drogas. 

O contrabando de tabaco, que dalgunha forma arraigara na sociedade durante anos, dá paso ao narcotráfico. Os traficantes da zona ponse en contacto cos cárteles colombianos da droga e comezan a traficar con cocaína. O narcotráfico do po branco —que xa está a mover inxentes cantidades de diñeiro en EE UU— chega aGalicia e, polo tanto, a España e ao resto de Europa. 

Moi pronto, o 80% da cocaína que desembarca en Europa farao polas costas galegas. Os narcos galegos gañan incontables sumas de diñeiro e a serpe do narcotráfico comeza a estender o seu veleno por unha sociedade presa das dificultades económicas da época. 

Moitos ven este negocio delituoso como unha maneira de saír adiante, de vivir ben. As institucións públicas non sempre actuarán como se lle esixe e haberá quen fagan a vista gorda. Cada día que pasa, os capos da droga en Galicia terán máis poder. Da noite para a mañá, converteranse nos Reyes de Galicia, a piques de converter a comunidade na nova Sicilia. 

Comentarios